DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mércores 19 no Edificio de Ferro

Creatividade e tradición mesturaranse no Concerto de Nadal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 18/12/2007

Panxoliñas en clave de blues, jazz, soul e gospel serán as protagonistas do tradicional Concerto de Nadal co espectáculo Christmas Blues que terá lugar o mércores 19 no Edificio de Ferro.Organizado pola vicerreitoría do campus en colaboración coa Deputación de Ourense, o concerto constará dunha versión renovada das cancións populares de Nadal mesturadas con ritmos modernos. Ao remate convidarase aos asistentes a un viño e un petisco para felicitar as festas á comunidade universitaria.

Christmas Blues

O artífice do proxecto Christmas Blues, o saxofonista José Luis Guitiérrez, é un inquedo investigador musical recoñecido pola crítica especializada. Actualmente é o director artístico do Festival Internacional Universijazz, organizado pola Universidade de Valladolid e do Festival de Jazz e Outras Músicas de Castela e León. Nesta ocasión conta coa presencia dun grupo de músicos de contrastada calidade entre os que destaca a voz de Velma Powell, de Chicago, o berce do blues. A cantante participou no seu país de orixe en coros gospel e en España deuse a coñecer gracias á súa colaboración coa Vargas Blues Band, a Orquestra Mondragon e outras figuras do pop nacional.