DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nova entrega dos 'Xoves de Moda' con Paco Peregrín

A creatividade e a visión persoal definen a un bo fotógrafo de moda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 31/03/2011

Cando lle botamos unha ollada ás revistas de moda, poucas veces reparamos no traballo e dedicación que hai detrás, o labor dos fotógrafos, que coa súa creatividade e talento crean auténticas obras de arte. Este é o caso de Paco Peregrín, novo convidado aos Xoves de Moda, “un titulado en Belas Artes que quería ser pintor”, aclara o propio artista. Presentado por Lola Dopico, directora dos Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galiza, esta tarde comparte co alumnado de Esdemga a súa experiencia como fotógrafo de moda facendo un percorrido polos seus principais traballos nos que recoñece “que o gusto e a inspiración son o máis importante, máis aló dun bo dominio da técnica”, apunta o profesional.

Caracterizado por un estilo moi suxerinte e artístico, Paco Peregrín asume que “a creatividade e o punto de vista é fundamental para ser bo fotógrafo de moda e tamén para diferenciarnos dos demais”. Comezou como actor, director de teatro, escenógrafo, deseñador gráfico e de moda, pintor... pero atopou na fotografía de moda “o terreo óptimo que aglutina nunha soa profesión todos os meus intereses”. Outórgalle gran importancia ao estilismo “máis aló do simplemente belo, que dea pé a unha lectura máis subxectiva”. Así, os volumes, as texturas e as formas da roupa adquiren un grande protagonismo nas súas imaxes, ademais de potenciar o seu carácter gráfico.

Traballos para moda, publicidade, arte ...

Entre fotografía artística e comercial, quédase coa primeira pois “permíteme unha maior liberdade á hora de crear”. Ademais de moda, tamén se dedica ao mundo da arte e da publicidade, “campos que se retroalimentan tanto conceptual como esteticamente”. Recoñece que a moda é a súa paixón, pero “a publicidade, a pesar das limitacións creativas que presenta, proporcióname o aval económico para producir os meus proxectos persoais”. Traballou para marcas como Nike, Lee ou Levi`s, ás que lle achegou a súa visión particular “chegando a reinterpretar as súas marcas desde unha maneira máis elegante mediante o emprego dun punto máis artístico”.

Profesión de “risco”

Aínda que semelle un traballo moi planificado e estudado o da fotografía de moda, “rara é a vez que non xurde algún imprevisto”. Nunha ocasión que estaba realizando unhas fotografías para localizacións, case o deteñen “porque creron que era un espía e a todo iso apareceron uns toros que se plantaron a poucos metros de nós”, exemplifica.

Aos futuros titulados de Esdemga quere mandarlle unha mensaxe de optimismo na que recalca a importancia da formación. “Esta profesión é moi dura e esixe moitos sacrificios polo que debemos sentir moita paixón por ela porque deste xeito é como seremos felices”, conclúe. Na actualidade atópase preparando a súa primeira exposición individual en París ademais de estar involucrado “en outros proxectos solidarios, didácticos e expresivos”.

A próxima cita cos Xoves de Moda queda programada para o vindeiro 7 de abril co profesional Lluis Corujo, “que conta cun perfil creativo moi interesante de grande atractivo para a xente nova”, comentou Lola Dopico, e que se centrará no sector da dirección de arte.