DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o profesor da Universidade do Minho, José António Passos Palmeira

A crise económica portuguesa estanca a consolidación da Eurorrexión

En Galicia supón un descenso das exportacións e un maior volume de inmigración do país veciño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 10/05/2011

Que ao país veciño non lle vaia de todo ben, tamén acaba repercutindo na situación económica e social de Galicia. Neste contexto inseriuse a visita do profesor da Universidade do Minho, José António Passos Palmeira, á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que achegou ao alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública unha descrición da situación política e económica de Portugal e en que grao esta inflúe nas relacións co territorio galego. Afondou no estancamento da Eurorrexión, “o que suporá un gran problema xa que unha dos grandes retos que ten pendentes é o investimento en comunicacións e infraestruturas”, aclarou o experto.

“Unha das materias pendentes da Eurorrexión é a procura de conexións máis rápidas, pero ao non dispor de investimento público, o tren de alta velocidade que uniría Vigo e Oporto retrasarase por un tempo indefinido”, comentou Palmeira. Agora ben, esta relación bilateral que existe entre Galicia e o Norte de Portugal pode derivar na procura de novas sinerxías, “apostando por algunha das capacidades do país luso, como a potencialidade do mar, coa pesca e coa enerxía”, permitíndolle medrar economicamente “para pagar a débeda”.

Ás palabras do experto portugués, o profesor da Universidade de Vigo, Constantino Cordal, engadiu que, como consecuencia desta crise “do veciño”, “o 20% das exportacións galegas destinadas a Portugal veranse reducidas”, unido ao feito de que aumenten os procesos migratorios cara o territorio galego. Neste contexto Palmeira recoñeceu que están a vivir “algo semellante ao que ocorreu nos anos 60, cando moita xente ía na procura dun futuro mellor, pero no século XXI supón un gran problema para o país xa que agora marcha xente cualificada”. “Dalgún xeito tornáronse os papeis do pasado”, comentou Cordal, pois “agora tócalle a Portugal ser a colonia e a Brasil, a metrópole que acolle poboación foránea”. Así mesmo, apuntaron que Angola está a ser un dos países de destino de traballadores portugueses, "pola súa política emerxente de infraestrutura e construción”.

Un percorrido pola situación portuguesa

O profesor Palmeira aproveitou a súa intervención para explicarlle aos presentes os motivos polos que Portugal está inmersa nunha crise política, económica e financeira. "Todo comezou cunha crise financeira pois o país endebedouse excesivamente co exterior, tanto que os bancos non conseguiron empréstitos suficientes e o Estado portugués tamén se quedou sen fondos para pagarlle o salario aos seus funcionarios”. Isto, engadido á imposibilidade de conceder créditos ás empresas e particulares, “provocou unha crise económica que ao mesmo tempo desencadeou nunha crise social”. A falta de apoio por parte do Parlamento ás medidas “restritivas pero necesarias” que propuxera o Goberno, “tamén derivou nunha crise política coa dimisión do presidente e de todo o seu equipo e coa celebración dunhas eleccións anticipadas o próximo 5 de xuño”.

A culpa, en parte, pola entrada de Portugal na zona euro. “As taxas baixaron e a poboación endebedouse na compra de casas, coches... pero chegou ata tal punto, que resultou inviable devolver os pagos dos compromisos asumidos”. Subliñou que existe unha corrente de economistas que defenden "que Portugal saia da zona euro, pero teño a sensación de que iso non vai acontecer”, concluíu.