DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No comezo do Ciclo de Escritoraes na Universidade

Ante a crise, a escrita galega demanda compromiso

Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias, os primeiros convidados

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 06/10/2011

Á crise económica e de valores, no eido da literatura únese unha crise que afoga á lingua galega. En época de recortes cultura e ensino son as primeiras vítimas e os escritores e escritoras non son alleos a unha contorna hostil ante a que demandan un firme e fondo compromiso. Sobre este compromiso e a súa translación aos seus textos versou a primeira das mesas redondas da sexta edición do ciclo de Escritoraes na Universidade centrada na crise e na que os primeiros convidados foron Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias.

Se para Aleixandre a ideoloxía e a responsabilidade de escritoras e escritores non ten por que verse reflectida explicitamente na súa obra, na opinión de Iglesias a literatura e, sobre todo, a novela son por definición comprometidas, “porque son sempre unha lectura da existencia”.

Coincidiron ambos autores, acompañados por Camiño Noia, directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, en que os recortes afogan ao galego, provocan a perda de postos de traballo, o peche de medios de comunicación en lingua galega e a paulatina desaparición da lingua propia no ensino. Estas reclamacións fóronlle transmitidas ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que asistiu á inauguración do ciclo, xunto con Marta Dacosta, representante da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade organizado da actividade xunto co Departamento de Filoloxía Galega e Latina.

Soñar é resistir

Anxo Lorenzo lembrou o papel dignificador da lingua que a literatura tivo dende o século XIX e animounos a seguir con “orixinalidade, creatividade, innovación e risco” e destacou, xunto con Camiño Noia, a relevancia deste tipo de actividades para que o alumnado poida coñecer de preto algúns dos escritores máis relevantes de Galicia.

Pero a crise planeou durante toda a mesa redonda, unha crise que para a literatura galega ten o agravante da situación precaria da lingua, unha lingua que “perdeu moito espazo na última década”, como explicaba Marta Dacosta, nuns “escuros días” que poñen aos escritores nunha encrucillada para resistir a pesar dos embates do Decreto do Galego. Por debaixo dos mínimos esixibles e en pleno proceso de involución, a AELG demanda compromiso para que, neste centenario de Cunqueiro, “demostremos que o galego pode ter 1000 primaveras máis”.

E de resistir se trata, porque como apuntaba Marilar Aleixandre nos anos 70 os docentes loitaban por poder impartir materias como física ou química en galego, “algo que hoxe é imposible co novo decreto”. Poñéndose a ela mesma como exemplo, madrileña de nacemento, reivindicou o modelo de inmersión lingüística que lle permitiu aprender a lingua, impartir docencia nela e dedicarse á escrita en galego. “Os escritores somos soñadores e soñamos utopías antes de que se fagan realidade”, apuntaba en referencia á loita pola defensa do galego, unha loita que tras anos volve a poñerse á orde do día, “porque esta crise está sendo aproveitada para botar atrás conquistas que tiñamos acadadas no ensino, na lingua e na cultura; pero soñar é resistir”.

A esta crise, Bieito Iglesias engadiu varios condicionantes máis que agudizan a situación. Por unha banda a “vedetización” dos escritores neste terceiro milenio, que se converten en espectáculo e, por outra, o intrusismo na literatura. Isto únese á situación económica e á lingüística e provoca situacións tan preocupantes como que na actualidade existan máis medios de comunicación en asturiano que en galego. Pero para o escritor e columnista, nestas situacións aos autores non fai falta demandarlles un compromiso explícito, téñeno de por si, para defender o seu sector e a súa lingua.

Próximas citas

O ciclo volverá o vindeiro 20 de outubro cunha mesa redonda sobre poesía con Marga do Val e Enma Pedreira, presentadas polo profesor e escritor Anxo Angueira. Xa o 3 de novembro o ciclo centrarase na crise no teatro con Alfonso Becerra e Quico Cadaval, da man de Manuel Forcadela.