DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será do 25 ao 28 de setembro nun curso de extensión universitaria do campus

A crise das humanidades e do galeguismo, a debate en Ourense

Coa participación de máis dunha trintena de docentes, intelectuais e políticos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 17/09/2012

“Sen cultura e sen humanidades, só con ciencia e tecnoloxía, non se pode crear unha sociedade avanzada e con futuro. A sociedade constrúese con persoas, non con máquinas”. Deste xeito o doutor Victorino Pérez resume a actual preocupación pola crise das humanidades, unha preocupación que reunirá a máis dunha trintena de destacados docentes das tres universidades galegas no campus de Ourense nun curso de extensión universitaria que, partindo do esplendor cultural do galeguismo patente na revista Nós, quere reivindicar o papel fundamental destes estudos. A cita será do 25 ao 28 de setembro.

O curso, titulado A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós e coordinado por Camilo Fernández e Xosé Ramón Quintana, foi presentado este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; por Victorino Pérez, secretario do curso, e por Segismundo Bobillo e Fernando Román, en representación da Asociación ProCentenario de Nós 2020. “É un privilexio e unha honra para este campus acoller esta cita, pola calidade dos seus relatores pero tamén por atreverse a afondar nalgo tan importante para a nosa sociedade e o seu futuro como son as humanidades”, destacou María Lameiras durante a presentación.

Segundo explicou Victorino Pérez os obxectivos do curso son “facer unha diagnose do estado das humanidades en Galicia; reflexionar sobre a desvalorización destes estudos; someter a revisión o legado cultural e literario do galeguismo, centrando o foco na revista e grupo Nós, e revistar o estado de conservación e uso do patrimonio historico-cultural ourensán”. Para acadar estes obxectivos, o programa contará con 13 conferencias, 19 comunicacións e sete relatorios a cargo de máis dunha trintena de destacados docentes das tres universidades galegas e representantes das principais entidades culturais galegas.

De Ramón Villares a Xosé Manuel Beiras

Deste xeito, ao longo dos catro días de celebración pasarán polo campus de Ourense persoeiros como Ramón Villares, Víctor F. Freixanes, Xosé Luis Axeitos, Manuel González, Xusto Beramendi, Xesús Alonso Montero, Manuel F. Vieires, Jesús de Juana, Marcial Gondar, Alfonso Vázquez-Moxardín, Francisco Fariña, María Victoria Carballo-Calero, Manuel Outeiriño ou Xosé Ramón Barreiro e unha longa lista de destacados nomes de intelectuais galegos. Ademais, para falar de ideoloxías do galeguismo na actualidade participarán nesta cita os políticos Xosé Manuel Beiras, Emilio Pérez Touriño e Camilo Nogueira.

Aínda que o groso do programa terá como escenario o campus de Ourense, tal e como apuntou Segismundo Bobillo este curso é “unha iniciativa moi pluralista” que achegará as súas actividades a outros espazos como emblemáticos como o Paraninfo do IES Otero Pedrayo, o Liceo de Ourense, a Casa-Museo Fundación Vicente Risco de Allariz, a Casa-Museo da Fundación Otero Pedrayo de Trasalba e as rúas do casco histórico de Ourense. Precisamente para amosar a pegada do grupo Nós e reivindicar o seu rico legado Fernando Román salienta que durante o curso celebrarase un Roteiro nosiano ourensán que percorrerá a zona histórica da cidade descubrindo os lugares nos que os seus membros viviron e traballaron.

Os membros da comunidade universitaria e de fóra dela que desexen inscribirse aínda están a tempo de facelo ata esgotamento de prazas.