DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cátedra Bancaja organiza o programa 'Ideas Emprendedoras con valor'

Ante a crise: ideas innovadoras e xente emprendedora

Nun obradoiro e un concurso afondarase na identificación, maduración e comunicación de proxectos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/04/2011

Como fontes de xeración de ideas, innovación e coñecemento, as universidades poden ser un factor clave para saír da crise. Pero esas ideas precisan ser avaliadas, maduradas, traballadas, postas en marcha e tamén comunicadas para converterse en oportunidades de negocio. Nese aspecto formativo cos emprendedores traballa a Cátedra Bancaja da Universidade que, segundo explica a súa directora, Ana Gueimonde, “trata de difundir no eido universitario os valores e aptitudes propios da cultura emprendedora e a creación empresarial”.

Entre as múltiples actividades que organiza, dende a cátedra vén de poñerse en marcha o programa Ideas Emprendedoras con Valor, que inclúe un obradoiro e un concurso ao mellor proxecto. Dirixido tanto ao estudantado como á comunidade investigadora e aos novos titulados, o obxectivo é que traballen sobre as súas ideas emprendedoras previas ou as xurdan durante o curso, “para que finalmente poidan converterse nun proxecto innovador e empresariable”.

Esta actitude activa que permite crear tecido empresarial resulta un camiño de tránsito obrigado en épocas de crise, como apunta Gueimonde, xa que “as innovacións e transformacións forman parte do repertorio de instrumentos que dan lugar á solución das crises económicas”.

Coñecementos para un proceso complexo

Dende a Cátedra Bancaja subliñan que a maior dificultade para os emprendedores está na materialización de proxectos viables e solventes de entre todo o coñecemento xerado na Universidade. Precisamente este programa pretende proporcionar a formación e os coñecementos necesario para converter as ideas en negocios.

Dunha banda, o obradoiro para a procura, posta en valor e comunicación de ideas innovadores e empresariais desenvolverase nos tres campus da Universidade para grupos de entre 15 e 20 persoas. O programa comprende tres sesións de sete horas cada unha, que se achegarán aos momentos clave do proceso, a identificación da idea, a avaliación do seu potencial e posterior momento da comunicación e difusión do proxecto. Segundo apunta Ana Gueimonde, “para canalizar en innovacións o coñecemento, o que necesitamos moi habitualmente é madurar e concretizar esas ideas, que os seus promotores, os nosos alumnos e investigadores, adquiran competencias transversais que lles permitan, por exemplo, comunicar os seus proxectos e traballalos conxuntamente con outras persoas, así como coñecer os sectores produtivos nos cales se poden implantar as innovacións”.

Estes tres días de curso permitirán aos asistentes identificar e afondar nos seus proxectos e tamén participar na segunda etapa do programa, o concurso Ideas con valor. Con este galardón, a organización pretende recoñecer o mellor proxecto, tanto entre os presentados polo alumando do curso como por calquera membro da comunidade universitaria. Recibirá como premio un IPad o mellor valorado atendendo ao grao de innovación, viabilidade técnica e comercial e calidade da presentación, pero tamén será valorado o feito de ter participado no obradoiro.

Con todo, a coordinadora da cátedra amósase convencida de que “contamos cun bo número de persoas con ansias de descubrimento e coñecemento alén da materia aprendida nas aulas. Desenvolver, e non anular, esas aptitudes e valores e canalizalas cara a xeración de novos proxectos empresariais “é unha aposta á que debemos contribuír a propia institución e o profesorado, fundamentalmente”, concreta.

Prazos de matrícula

O prazo de preinscrición, aberto dende o 4 deste mes, alongarase ata o día 20, mentres que o de matrícula abrirase entre o 11 e o 20 do mesmo mes. O curso é de balde e a primeira das tres sesións desenvolverse o 25 de abril en Vigo e Ourense e o 27 en Pontevedra. A segunda sesión será en xuño e a terceira xa no mes de xullo.