DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Botan a andar as xornadas ‘O espazo público como contorna para a creación’

A crise leva aos artistas a expor na rúa

Durante a semana os asistentes deberán desenvolver unha peza pensada para o exterior

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 29/11/2011

A crise económica actual leva aos artistas a agudizar aínda máis o enxeño e a optimizar o máximo posible os recursos dispoñibles. Como consecuencia desta realidade e da falta de apoio dos museos e galerías, “moitos creadores tenden na actualidade a traballar na rúa e a facer propostas adaptadas ao exterior”, explicou a profesora Mónica Ortúzar, principal coordinadora das xornadas O espazo público como contorna para a creación, que comezaron este martes na Casa das Campás. Ante a falta de recursos, “a arte na rúa está moi de moda”, engadiu Ortúzar, polo que resulta “fundamental” achegar esta nova expresión artística ao alumnado da Facultade de Belas Artes.

O encontro pretende afondar na corrente artística do site-specific, unha expresión que naceu a finais dos anos 60 en Nova Iorque para denunciar a transformación da cidade “nun espazo comercial e financeiro”. O movemento baséase en crear unha obra destinada a existir nun determinado ambiente, pensada en este caso para exteriores, na que o artista “se alimenta da propia contorna” e acostuma a combinar paisaxes con elementos escultóricos ou arquitectónicos, entre outros. “Trátase dunha estratexia para traballar nun lugar en concreto cunha finalidade cultural pero tamén social”, aclarou Ortúzar na súa conferencia inaugural. Recorreu a exemplos de artistas que interveñen no espazo público, como o grupo Basurama “que fai uso dos máis diversos materiais”, Richard Serra, escultor coñecido por traballar con grandes pezas de aceiro, Gordon Matta Clark ou Jesús Palonimo, “que construíu unha radio para un pobo de África, creando unha peza concreta para un lugar e un momento determinado”

Creación dunha obra para o espazo público

Ademais da intervención da profesora Mónica Ortúzar, as xornadas, que se prolongarán durante esta semana, contan coa presenza de tres artistas máis: Alberto Peral, escultor e fotógrafo “que traballa co lugar como espazo simbólico”; Jesús Palomino, “que desenvolve a súa actividade nas prácticas contemporáneas de orientación social” e Luis Bisbe, “que vincula fortemente as súas propostas coa contorna circundante”. Este encontro entre artistas, ademais de lograr unha transmisión comprensible do concepto de site-specific, pretende converterse nun exercicio creativo de debate e reflexión, “no que os participantes amosen os seus traballos anteriores e á vez, intercambien opinións e ideas para resolver os proxectos de xeito imaxinativo e eficaz”.

Como indicou a profesora Mónica Ortúzar, o encontro pon especial énfase na participación activa dos máis de 15 alumnos asistentes a través da realización de propostas concretas para realizar unha intervención real e específica de forma individual ou colectiva. “Queremos que os integrantes sexan quen de desenvolver unha obra no espazo público”, aclarou Ortúzar, para que experimenten a necesidade de ter en conta a contorna para a que se crea.