DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proxección do documental 'Tralas Luces' inaugura a segunda edición de ‘Máster Class Augal'

A crise xa non é escusa para as novas promesas do audiovisual

A directora Sandra Sánchez destacou que os aparellos dixitais permiten rodar con poucos recursos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 20/12/2011

Quen quere, pode. Cámaras domésticas, smartphones ou ordenadores portátiles son aparellos que calquera alumno de Comunicación Audiovisual ten á súa disposición, “polo que calquera persoa con ganas e cunha boa idea pode levar a cabo todo o proceso dende a súa casa”. Con estas palabras, Sandra Sánchez, directora do documental Tralas Luces que se proxectou no ciclo de cine Máster Class AUGAL 2011-2012, animou ás novas promesas do audiovisual a levantar proxectos "dende xa" con paixón e esforzo xa que, "a pesar de que a crise económica afecta moitísimo, dispoñen de medios, unha vantaxe que non tivemos outras xeracións", engadiu.

Máster Class AUGAL 2011-2012, proxecto abandeirado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e promovido polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, botou a andar este martes coa proxección de Tralas Luces, presentado pola súa directora e pola súa produtora Fernanda Del Nido. Como explicou Miguel Anxo Fernández, esta iniciativa converte á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación nun escaparate de aquelas producións galegas “que non atopan a receptividade que deberían de ter nas pantallas comerciais, como é o caso deste documental”. Deste xeito, AUGAL posibilitou que Tralas Luces se emitise por primeira vez en Pontevedra “e que se poida falar da súa realización intercambiando opinións con un público interesado no tema”, sinalaron a directora e produtora da peza, ademais de comprobar de primeira man “como é percibida”.

Tanto Sandra Sánchez como Fernanda Del Nido, que xa estivera convidada á anterior edición de AUGAL, amosáronse a favor deste tipo de proxectos xa que complementan a oferta comercial das salas de cine convencionais “facilitando aos profesionais novas ventás de distribución coas que poder chegar ao público”, apuntou Sánchez. Tal é o interese que a oferta de producións de AUGAL esperta entre a poboación pontevedresa que “moitos cidadáns chamaron para preguntar se era posible asistir”, apuntou a profesora Anna Amorós.

Unha mirada persoal e en feminino

O documental Tralas Luces, preseleccionado aos Goya na súa categoría, conta a historia dunha familia de feirantes de orixe portugués que percorre as estradas do Noroeste de España cunha pista de coches de choque. Para a súa realización, a directora viaxou con eles e chamoulle especialmente a atención o papel de Lourdes, a matriarca, “polo que esta longametraxe non só reflicte unha viaxe física, senón tamén a viaxe emocional desta muller”. Como crítico de cine, o profesor Miguel Anxo Fernández destacou o enfoque innovador e persoal que Sánchez escolleu para o documental, “afastándose do convencional”. Engadiu que esta estratexia de diferenciación debería ser asumida por todo o audiovisual galego, “apostando sempre polo distinto e achegando un toque persoal”.

Pola súa banda, Anna Amorós aproveitou a proxección para reivindicar o papel da muller no audiovisual e salientou a gran presenza de profesionais femininas convidadas a esta nova edición de AUGAL, “o que reflicte a realidade do sector audiovisual galego no que a maioría de produtores son mulleres”, apuntou.

A seguinte cita con AUGAL 2011-2012 está prevista para o 7 de febreiro coa proxección do filme de ficción Crebinsky e contarase coa presenza do seu director Enrique Otero e do guionista e actor Miguel de Lira.