DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cristina Arias, nova decana de Bioloxía cun amplo respaldo de votos

Substitúe no cargo a Pedro Pablo Gallego, que levaba seis anos ao fronte do centro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/06/2010

A catedrática de Parasitoloxía Cristina Arias logrou este martes un amplo respaldo da comunidade universitaria da Facultade de Bioloxía que, con 37 votos a favor, 6 en contra e 5 en branco, converteuna na nova decana do centro. O forte apoio recibido anímana agora a “traballar moito os vindeiros catro anos pola miña facultade”, subliñou a nova decana, ao tempo que admitiu sentir “unha enorme responsabilidade”.
Xunto a Arias, que se presentaba como candidata única, formarán parte do novo equipo de dirección do centro a profesora da Área de Botánica, Aida García Molares, en calidade de secretaria, e os vicedecanos Vicenta Martínez, que xa formaba parte do equipo de dirección co anterior decano, Pedro Pablo Gallego; Jesús Míguez, da Área de Fisioloxía, e Mercedes Gallardo, da Área de Fisioloxía Vexetal.
Entre as prioridades do novo equipo, Arias, que xa exercera a dirección do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde dende o 2000 ata o 2006, salientou a necesidade de seguir traballando na implantación do novo grao en Bioloxía. “Este anos implantamos o primeiro curso e en setembro virá segundo, queda moito por facer, hai que planificar ben 3º e 4º, así como as características propias do proxecto de fin de grao”, subliñou, ao que engadiu que tampouco debe descoidarse a coordinación dos mestrados, tanto os profesionalizantes coma os de investigación.

Promocionar a facultade, entre as prioridades

No seu programa de goberno está tamén a pensar xa en diferentes actividades para dar a coñecer a facultade entre a sociedade, “temos que ser capaces de transmitir o que somos e o que facemos”, destacando o amplo traballo que están a levar cabo numerosos investigadores do centro no campo da saúde pública, así como no medio mariño, “pois non hai que esquecerse que a facultade está tamén presente na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla”.
Máis alá destas grandes liñas, Arias tampouco restou importancia “aos pequenos temas da intendencia diaria”, en relación a necesidade de velar polo axeitado funcionamento e conservación do centro, así como á súa forte vontade de traballar cóbado con cóbado co novo equipo de goberno da Universidade, así como coas direccións das outras dúas facultades coas que comparten edificio, Ciencias do Mar e Química.
Cristina Arias, titulada en Bioloxía e Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, é catedrática en Parasitoloxía e na actualidade exerce como profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo.