DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartiu unha conferencia sobre este tema nas Xornadas de Actividade Física e Muller

Cristina López denuncia a escaseza de estudos científicos sobre saúde e deporte cun enfoque de xénero

Este luns desenvolveuse tamén o taller "Tomando conciencia dos nosos corpos"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 01/03/2010

Os beneficios da actividade física están unanimemente aceptados, pero, repercuten do mesmo xeito sobre a saúde dos homes e das mulleres? A escaseza de estudos científicos centrados no tipo de exercicio adecuado para a saúde feminina é unha das principais preocupacións de Cristina López Villar, doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e profesora da Universidade da Coruña, que interveu este luns nas Xornadas de Actividade Física e Mulleres. Quixo denunciar esta realidade ao comezo da súa conferencia, titulada A importancia da actividade física para a saúde das mulleres, na que tamén falou das consecuencias para a saúde dos estereotipos de xénero e dos canons de beleza, así como da importancia de adecuar os programas de exercicio físico á gran diversidade de mulleres existentes. Nesa dirección desenvolveuse o taller Tomando conciencia dos nosos corpos, que impartiu deseguido Aida Soraluce Acebo.

Ausencia de estudos cun enfoque de xénero

“Existen poucos estudos científicos sobre a importancia da actividade física para as mulleres e na maioría das investigacións do ámbito deportivo empréganse mostras constituídas só por homes, extrapolando logo os resultados ás mulleres, o que é un erro”, lamentou Cristina López ao comezo da súa intervención. A profesora puxo de relevo que a aplicación dos mesmos parámetros trae consecuencias negativas para a saúde feminina e mesmo pode conducir a lesións irreparables. Afirmou tamén que os sesgos de xénero na investigación en saúde non son exclusivos da súa especialidade, senón que se percibe na medicina en xeral. “Pasou por exemplo cos estudos sobre cardiopatías, para os que se realizaron ensaios clínicos só con homes e máis tarde se demostrou que os síntomas non son iguais nas mulleres”, sinalou, o que achacou a persistencia dunha sociedade machista na que “as cousas dos homes son as máis importantes”.
Por este motivo proclama a necesidade de investir un esforzo maior en investigacións que teñan en conta a especificidade feminina e solicita tamén que os profesionais do deporte teñan unha formación específica en xénero. “Certas patoloxías, como a fibromialxia ou a osteoporose, están máis asociadas coas mulleres e hai que ter en conta tamén á hora de facer exercicio a importancia do solo pélvico”, remarcou. Malia esa ausencia xeral de información, asegurou que están comezando a aparecer libros en diferentes ámbitos. Salientou neste senso os avances realizados nos últimos anos para procurar unha actividade física máis axeitada para a muller a raíz das investigacións impulsadas por autores como Marcel Caufriez e que puxeron en boga as técnicas hipopresivas.

Consecuencias para a saúde dos estereotipos de beleza

Cristina López quixo recalcar tamén ao longo da súa charla como os estereotipos de xénero e os canons de beleza marcados polas tendencias estéticas e a moda repercuten negativamente na saúde. “Existe unha presión constante nos medios de comunicación e hai estudos que demostran que é moito maior sobre as mulleres que os homes”, afirmou. Neste sentido citou numerosos exemplos desde os máis evidentes ata os máis sutís. Falou das consecuencias do uso de tacóns, de roupa moi apertada, do abuso de produtos adelgazantes ou do uso de faixas medicinais para modelar o corpo.
A profesora aludiu tamén aos condicionantes históricos que adiaron a incorporación da muller aos diferentes eidos da actividade deportiva. Considera que queda aínda moito camiño por andar e que perduran moitos prexuízos derivados da socialización de xénero, que limitan a presenza feminina en determinadas disciplinas e que seguen dividindo as prácticas como deportes masculinos ou femininos. Para rematar insistiu na necesidade de ter en conta ás mulleres na súa diversidade e nas súas condicións heteroxéneas.

Tomando conciencia dos nosos corpos

Tras a conferencia, Aida Soraluce Acebo, licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, especializada en actividade física para mulleres, desenvolveu un taller titulado Tomando conciencia dos nosos corpos, co obxectivo de dar unha visión da actividade física desde unha perspectiva máis interna da muller. “A actividade física non ten que ser un sufrimento, polo que para que sexa gratificante é moi importante ter en conta o noso corpo e saber o que necesitamos”, indicou. “Saber como te sentes, como respiras, os movementos que es capaz de facer e os que non... todo iso é fundamental para conseguir unha actividade física de calidade e saudable para buscar o noso benestar”. Así mesmo, Soraluce considera que a consciencia corporal é tamén fundamental para saber como conectan e inflúen as emocións na parte física e dese xeito estimular a autoestima. Neste sentido afirmou que “ter unha boa autoestima é esencial para o desenvolvemento dunha feminidade normal e saudable”.

A importancia de saber traballar o solo pélvico

Como finalidade primordial do seu obradoiro citou a de alentar ás mulleres a esixir aos profesionais dos centros deportivos que formulen programas adaptados ao corpo feminino. Destacou que a constitución física feminina é diferente da masculina, tanto a nivel muscular como óseo, polo que cre de suma importancia respectar e recoñecer as súas especificidades. Quixo remarcar como a principal diferenza o solo pélvico, lamentando que saber traballalo é unha das grandes carencias dos licenciados en Actividade Física e do Deporte. “Isto é unha gran eiva e un problema, pois as mulleres poden sufrir disfuncións sexuais, incontinencia urinaria ou mesmo dores de costas a consecuencia dunha actividade física en malas condicións”. Ademais, segundo indicou Soraluce, cómpre ter en conta o período vital á hora de trazar unha programación de exercicio físico, “pois non é igual o corpo dunha adolescente, dunha muller adulta, dunha muller que xa tivo algún parto ou dunha muller na menopausia”.
As Xornadas de Actividade Física e mulleres terán unha última sesión no campus o vindeiro mércores día 3 de marzo. Ás 16.00 horas comezará a conferencia Estratexias para coeducar nos ámbitos fisicodeportivos, que impartirá Myriam Alvariñas Villaverde, doutora en Educación Física e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Deseguido, Paula Rey Silva, diplomada en Educación Física, dará un taller práctico de técnicas orientais.