DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O concerto da gaiteira ourensá será o día 20 de decembro

Cristina Pato e o encontro de corais porán a banda sonora deste Nadal

A actuación dos coros Schola Cantorum e Conxunto Vocal Lugh celebrarase na Igrexa de San Francisco

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 07/12/2012

Como vén sendo xa tradición cada ano, hai dúas citas musicais que marcan o calendario de decembro para a comunidade universitaria ourensá. Son o concerto de Nadal e o encontro de corais. Nesta ocasión, será a gaiteira Cristina Pato a encargada de pór o día 20 de decembro o broche musical ao ano 2012 ofrecendo un concerto de balde no campus de Ourense. Uns días antes, o domingo 16, os amantes da música sacra e das panxoliñas poderán gozar na Igrexa de San Francisco coa actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Catorum e co Conxunto Vocal Lugh de Lugo.

Programa coral

A primeira cita será o III Encontro Coral. Festival de Música Sacra e Panxoliñas, que terá lugar o día 16 de decembro ás 20.00 h na Igrexa de San Francisco, no Parque de San Lázaro. Con esta iniciativa, tal e como salienta Xavier Álvarez, promotor da iniciativa e director do coro ourensán, acadan o obxectivo de levar a súa música fóra do campus universitario, onde se encargan de animar coas súas actuacións os principais actos académicos, para espertar o interese por este xénero entre a cidadanía en xeral.

O Coro Universitario do Campus de Ourense, baixo a dirección de Xavier Álvarez e co acompañamento ao piano de Marta Blanco, interpretará, fiel ao seus espírito, un programa no que se mestura música sacra con panxoliñas de diferentes culturas, incluíndo un toque exótico. Deste xeito, interpretarán pezas como El noi de la mare, da tradición catalá; Thank you for the Christmas, de Xamaica; o inglés Ding dong merrily on high e o Cativiño de J. L. Reza. Completarán o seu programa as pezas Es ist ein Ros Entsprungen, de M. Praetorius; A gaelic blessing, de J Rutter; O sacrum convivium, de L. Molfino, e o San Pedro trotó 100 años, de R. Alarcón. Pola súa banda, o Conxunto Vocal Lugh de Lugo representará para os asistentes e baixo a dirección de Fernando Gómez, un programa no que destacan pezas da tradición galega e estatal, como Mariñeiro; Campana sobre campana; Vinde galeguiños; Ave María; Dime niño; Verbum caro e Qué bonito niño.

Peche de ouro

A segunda cita musical do Nadal será a actuación da ourensá Cristina Pato no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico. Será o xoves 20 de decembro, ás 20 horas. A gaiteira e pianista, que está a piques de estrear o seu novo disco Migrations, ofrecerá aos asistentes unha actuación que pretende ser un peche de ouro ao ano 2012 no campus de Ourense e ao seu ano de traballo. Durante o concerto a artista ofrecerá unha selección dos temas máis coñecidos da súa traxectoria musical en solitario. As persoas interesadas deberán solicitar convite, para un máximo de dúas persoas, en culturavicou@uvigo.es  ou no teléfono 988 387 219 ata o venres 14 de decembro, ás 14.00 horas.