DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asistentes e público achegaron roupa, xoguetes e alimentos, que serán doados a diferentes ONG

O crossfit encheu de solidariedade o Pavillón Universitario

Os 250 euros recadados polas cotas de inscrición irán destinados á Fundación Meniños

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 18/12/2017

Co seu máximo de 50 prazas para participantes cuberto e con preto de 150 persoas como público, a terceira edición do Crossfit Solidario permitiu reunir, na tarde deste domingo, fondos e produtos cos que axudar ao labor de diferentes organizacións sociais. Organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade xunto con Crossfit Turoqua, o evento no que as 25 parellas participantes debían facer fronte nun circuíto a unha serie de exercicios de resistencia, forza, habilidade ou ximnásticos, permitiu tamén reunir 250 euros, a través das cotas de inscrición, que serán destinados de xeito integro á Fundación Meniños. Así mesmo, os xoguetes, roupa e alimentos doados tanto por participantes como por asistentes serán entregados á Fundación Boa Vida e a Cáritas. 

Francisco e Alberto Domínguez, do Crossfit Ourense, foron os gañadores dunha competición na que o circuíto foi aumentando progresivamente o seu grao de dificultade ata as roldas finais e que reuniu no Pavillón Universitario a afeccionados a esta disciplina de diferentes puntos de Galicia. O podio dunha competición que se viu complementada pola entrega dunha serie de agasallos aos gañadores, doados por diferentes empresas colaboradoras, completouse con representantes do Crossfit Norte de Redondela e de Crossfit Coruña.