DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os reitores e reitoras dirixen un escrito ao presidente e aos ministros de Educación, Economía e Fac

A CRUE propón ao Goberno que cada universidade poida elaborar en 2014 o seu propio cadro de PDI

Piden interpretar a taxa de reposición “que é un verdadeiro lastre para a carreira universitaria”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 19/06/2013
Plenamente conscientes da situación pola que atravesan as universidades españolas, os reitores e reitoras das institucións públicas e privadas decidiron na xuntanza da CRUE celebrada o pasado 3 de maio elaborar e remitir un escrito ao presidente do Goberno e aos ministros de Educación, Facenda e Economía. Neste documento, que ven de ser enviado a Mariano Rajoy, José Ignacio Wert, Luis de Guindos e Cristobal Montoro, a presidenta da CRUE, Adelaida de la Calle, propón dúas medidas que servirían para aliviar de cara ao vindeiro curso os efectos das normas e directrices ditadas polo goberno central e que pasan por deixar liberdade ás universidades para elaborar o seu propio cadro de PDI.

Dúas medidas que non incrementarían o gasto público

Dende a CRUE lembran que teñen cumprido coas normas e directrices ditadas dende o Executivo pero tamén presentan propostas para, “aténdose aos obxectivos orzamentarios, atenuar os efectos negativos que se producen no sistema universitario español e que poden ser irreversibles”. Destacando que estas medidas non suporían “incremento algún do gasto público”, os reitores e reitoras ofrecen dúas propostas principais. A primeira delas pasa por que se lles permita, xa de cara ao 2013, interpretar a taxa de reposición, “que é un verdadeiro lastre para a carreira universitaria”, de xeito que non compute cando a praza é finalmente atribuída pola comisión correspondente a persoal funcionario da propia universidade, xa que non supón un incremento do cadro de persoal. Por outra banda, e xa coa vista posta en 2014, a CRUE propón que, dentro do límite orzamentario que se fixe para cada universidade, esta teña a posibilidade de elaborar o seu propio cadro de persoal docente e investigador.

Para debater estas propostas, Adelaida de la Calle agarda poder celebrar unha xuntanza co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, “a partir da cal se poida fixar un calendario de actuacións”.

Para poñer freo a efectos “que poden ser irreversibles”

No texto os reitores e reitoras inciden en que a CRUE non é allea á actual situación de crise económica e financeira “e ten aplicado, como non pode ser doutro xeito, as disposicións e as directrices que se veñen ditando nos últimos tempos, respectuosa como é da legalidade e solidaria coas políticas de austeridade e redución do déficit público”.

Pero as repercusións destas medidas tradúcense, segundo se recolle no texto, “en que o número de profesores contratados que tiveron que cesar é moi elevado; o número de proxectos de investigación ralentizados ou paralizados é así mesmo elevado; o número de profesores acreditados pola Aneca pero cuxas prazas non puideron ser convocadas é tamén moi elevado; por non falar da falta de perspectivas para os investigadores novos, que tantos esforzos e fondos públicos teñen custado, da ausencia de novas convocatorias de proxectos, a redución de programas, etc...”.