DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cruz Vermella busca no campus voluntariado para mediación escolar e animación hospitalaria

A organización humanitaria desprega nestes días as súas mesas informativas por diferentes facultades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 23/01/2014

Colaborar como voluntario en programas de mediación escolar ou animación hospitalaria pode resultar "unha experiencia moi gratificante para o alumnado da Universidade", destaca María José Reguera, técnica de Xuventude da Cruz Vermella. Por iso, e dada a necesidade desta organización humanitaria de ampliar o número de voluntarios e voluntarias que participan nos programas da área de mocidade que desenvolven en Pontevedra, Cruz Vermella desenvolve nestes días unha campaña de captación en diferentes facultades do campus, onde está a instalar mesas informativas.

Na mañá deste xoves, Reguera e dous voluntarios da organización desprazáronse ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para informar ao estudantado dos catro proxectos de Cruz Vermella Xuventude que se desenvolven na cidade. O máis multitudinario é o de Mediación social e promoción do éxito escolar, no que participan arredor de 80 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos, aos que axudan a realizar as súas tarefas escolares e cos que desenvolven outra serie de actividades educativas. Así mesmo, esta organización tamén está a buscar no campus voluntarios e voluntarias para o Proxecto estudo, dirixido a ofrecer apoio educativo ao alumnado de secundaria. Xunto a estas dúas iniciativas, nas mesas informativas da Cruz Vermella tamén se anima aos universitarios a sumarse ao programa de Animación hospitalaria infantil, que levan a cabo no Hospital Provincial, e a colaborar no servizo de gardería que ofrecen aos pais e nais estranxeiros que asisten ás clases de castelán que se imparten na súa sede.

Experiencias e formación

“O aumento do número de nenos e nenas que tivemos este ano, case o dobre que o pasado”, explica Reguera, é o motivo que leva a esta organización a desenvolver no campus e noutros centros de ensino da cidade unha campaña coa que pretenden incorporar arredor de 30 novos voluntarios e voluntarias con dispoñibilidade horaria polas tardes e ganas de traballar con nenos e mozos. “Para estudantes como os da Ciencias da Educación e do Deporte, esta actividade pode ser a súa primeira experiencia á hora de traballar con nenos, e, ademais, se teñen tempo, axudar a outra xente é unha vivencia moi enriquecedora”, sinala a técnico de Cruz Vermella, que destaca ademais que o voluntariado tamén achegará formación aos estudantes, xa que lles dá acceso a unha serie de cursos promovidos por esta organización humanitaria.

Resposta positiva do alumnado

A Cruz Vermella iniciou esta campaña o mércores na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde repartiron preto de 200 folletos entre os alumnos e alumnas, que “se amosaron moi interesados”, destaca Reguera. Algo similar lles aconteceu nesta xornada en Ciencias Sociais e da Comunicación, onde puideron ofrecer información a estudantes como Patricia Ricón, alumna do grao en Publicidade e Relacións Públicas, que definiu os programas da área de xuventude como “moi interesantes, sobre todo para aquelas carreiras relacionadas coa educación, xa que é unha oportunidade para que os alumnos poidan implicarse cos nenos e ter unha primeira experiencia”.

Antes de continuar a súa campaña noutros centros de ensino secundario de Pontevedra a vindeira semana, os voluntarios de Cruz Vermella desprazaranse este venres ata a Facultade de Belas Artes, onde manterán instalada a súa mesa informativa entre as 11.00 e as 13.00 horas.