DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación lanza unha campaña para captar voluntarios entre os estudantes

Cruz Vermella invita ao alumnado a matricularse en solidariedade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 29/06/2010

Superadas as probas de acceso á Universidade os estudantes viven agora unha etapa de preinscrición na que deben apuntarse naquelas carreiras que sexan da súa preferencia. A organización Cruz Vermella Ourense quixo aproveitar esta realidade para lanzar a campaña Matricúlate en Solidariedade co obxectivo de captar voluntarios para os distintos programas da asociación como por exemplo o traballo con persoas maiores, as actividades de apoio para nenos e nenas en dificultade social ou a prevención de condutas violentas.

Con todo Vicky Rodríguez, de Cruz Vermella Xuventude, explica que a finalidade de levar adiante esta iniciativa no campus é a de atraer a mozos e mozas ao colectivo “para que traballen con outras persoas novas servíndolles de reforzo escolar, transmitíndolles hábitos saudables, resolvendo conflitos ou ensinándolles a coidarse e a vivir ben”, declara.

Coñecementos para aplicar nos programas da asociación

Para levar adiante a campaña Cruz Vermella instalou un pequeno posto diante do Edificio Administrativo do campus no cal os alumnos e alumnas poden obter información sobre a iniciativa e os seus obxectivos. Para atraer ao alumnado a campaña está deseñada dun xeito similar á realización da matrícula na Universidade, cos programas do colectivo explicados nun folleto como se foran materias cos seus respectivos contidos e cunha folla para “matricularse” como voluntario da asociación.

Vicky Rodríguez subliña a importancia de que estudantes de titulacións como Ciencias da Educación ou Traballo Social se animen a colaborar con Cruz Vermella “porque terán a posibilidade de aplicar os coñecementos adquiridos na carreira en moitos dos nosos programas e traballando con diferentes colectivos” ao tempo que subliña “o alto grao de satisfacción persoal” que leva consigo o voluntariado.

A campaña volverá repetirse este mércores en horario de 09.00 a 13.00 horas. A inscrición como voluntario da asociación é totalmente gratuíta.