DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus ConVida organizará os vindeiros meses obradoiros, postos informativos e campañas promociona

Un cuadrimestre do máis saudable

O proxecto consolida a súa programación despois do éxito da experiencia piloto do curso pasado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/02/2013

O curso pasado o campus de Ourense marcouse como un dos seus obxectivos estratéxicos ter unha comunidade universitaria o máis saudable posible desde o punto de vista físico, psíquico e social. Para acadalo, puxo en marcha o proxecto Campus ConVida que, pasada a súa etapa piloto, contará este cuadrimestre cunha intensa programación que inclúe obradoiros, postos informativos e campañas promocionais. Ter unha vida sa, explican os promotores da iniciativa, é moito máis que non ter enfermidades, é tamén traballar por mellorar o noso benestar e o da nosa contorna.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Alberte Rodrigo Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus; os docentes Reyes Pérez, José María Faílde e Julia de la Montaña, e Antonio Carracedo, coordinador do Centro de Transfusión de Galicia, foron os encargados de presentar a programación que se desenvolverá os vindeiros meses no marco deste proxecto, que conta con financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo. “O noso obxectivo é ter unha comunidade máis sa no eido biopsicosocial. Para conseguilo traballamos con accións puntuais, organizadas no marco do proxecto Campus ConVida e aproveitando os profesionais e os servizos do noso campus, e cunha perspectiva transversal, intentando coidar este enfoque en todas as nosas actividades, sexan do tipo que sexan”, destacou María Lameiras durante a presentación da programación.

Volven os Martes ConVida con novidades

Durante este segundo cuadrimestre, concretamente nos meses de marzo e abril, cada un dos edificios do campus de Ourense e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar acollerán durante un día a celebración dunha nova edición dos Martes ConVida. “Esta actividade consiste na instalación dunhas carpas con puntos de atención sobre saúde, sobre nutrición e sobre sexualidade”, explicou Alberte Rodrigo Pivida. Entre as novidades desta xeira estará a posibilidade de que os fumadores poidan analizar a súa capacidade pulmonar e que os asistentes en xeral coñezan o seu grupo sanguíneo e poidan doar sangue.

“Na primeira fase da campaña de doazón de sangue realizada na universidade notamos un descenso do 15%. Con esta nova iniciativa a idea é darlle ás persoas interesadas información sobre o seu grupo sanguíneo, sobre a súa importancia no conxunto das doazóns e ofrecerlles tamén a posibilidade de doar sangue xa no momento”, explicou o coordinador do Centro de Transfusión de Galicia. O obxectivo é que en cada Martes ConVida 50 persoas poidan doar sangue e recuperar así as cifras de solidariedade doutros anos no eido universitario.

Cociña e mediación

A programación do segundo cuadrimestre tamén inclúe a celebración de dous obradoiros. O primeiro deles leva por título Cociña Saudable e será impartido polos cociñeiros Daniel Guzmán e Julio Sotomayor no Restaurante Nova de Ourense. “Os participante elaborarán menús saudables, fáciles e económicos co obxectivo de mellorar a súa dieta”, destacou Julia de la Montaña. Segundo explicou a docente, nas actividades realizadas ata o momento do Campus ConVida detectaron que o alumnado xa ía adquirindo coñecementos sobre as necesidades dunha dieta saudable pero que lles faltaba formación práctica, polo que decidiron pór en marcha esta nova acción.

O segundo dos talleres, coordinador por José María Faílde e Reyes Pérez, leva por título Obradoiro de Mediadores na Promoción e a Educación para a Saúde. Recoñecido polo Sergas con 4,5 créditos e de interese sanitario, o obxectivo destas actividade é capacitar aos asistentes en estratexias e habilidades para a saúde, abordando aspectos como a sexualidade, a prevención de adicións e a promoción de hábitos de vida beneficiosos.

Pegadas informativas

Completando estas accións tamén se levará a cabo unha campaña promocional froito do concurso de ideas celebrado o ano pasado e que gañou o proxecto Pegadas, de Marco Gimarey. Deste xeito, nas escaleiras, ascensores e zonas de descanso dos edificios do campus colocaranse adhesivos informando sobre os custes dos hábitos de vida incorrectos e as alternativas existentes. Nos comedores universitarios distribuiranse tamén manteis de papel informativos sobre a mesma temática.