DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras gañar ao Círculo Chantadino ascende á segunda posición na clasificación da Liga Galega

Cuarta vitoria consecutiva do EXP-Universidade de Vigo

O equipo universitario depende xa de si mesmo para tentar revalidar o título

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 19/03/2018

O Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz continúa escalando postos na clasificación da Liga Galega e, tras un mal inicio da tempada, atópase xa na segunda posición da clasificación. O equipo universitario sumou esta fin de semana a súa cuarta vitoria consecutiva, superando por 4 a 2 ao Círculo Chantadno de Xadrez, situándose a dous puntos do líder da competición o USC, que nesta sétima xornada dobregaba por un claro 4,5-1,5 ao anterior líder do torneo, o Xadrez Ourense.

Tras este novo triunfo, o EXP-UVigo depende xa de si mesmo para revalidar o título de campión autonómico acadado a pasada tempada. Triunfo no que tiveron un protagonismo destacado as novas promesas da canteira do equipo, como David García e Pablo Vidal, que lograron a vitoria no quinto e sexto taboleiro, mentres Alberto Portela e Miguel Senlle sumaron sendas táboas nos dous primeiros. Neles, os xogadores do EXP-UVigo tiveron que medirse a dous grandes mestres, o búlgaro Petrov, fronte ao que Portela non puido facer valer unha lixeira vantaxe inicial; e o serbio Strikovic, ao que Senlle, con pezas negras, puxo contra as cordas, sendo a falta de tempo determinante para que non conseguise a vitoria final.

A estes resultados houbo que sumar a vitoria no terceiro taboleiro do capitán, Pablo García, máximo anotador da liga con cinco vitorias e dous empates, mentres que mestre Daniel Rivera sufriu a súa primeira derrota na competición autonómica poucos días antes de que ambos partan cara Xordania para participar por terceira vez no proxecto solidario Chess Strategy for Peace nos campos de refuxiados sirios.

Manuel Pena brilla en Vietnam

A celebración desta nova xornada da competición autonómica, que deixou un balance de sete vitorias, cinco derrotas e un empate para os equipos da Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, viuse precedida pola celebración do HD Bank Masters en Vietnam, onde o xadrecista do equipo pontevedrés Manuel Pena mediuse cos mellores xogadores do mundo. Catro catro vitorias, tres empates e dúas derrotas constitúen o balance co que Pena retorna de Hanói, onde viviu intensos enfrontamentos como o que lle mediu ao número un do torneo, o vietnamita Le Quang Liem, quen precisou de cinco horas e 48 xogadas para lograr superar ao xadrecista galego, que rematou no posto 31 nun torneo con 133 participantes.