DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O buque-escola partiu este xoves de Cádiz para iniciar un cruceiro de instrución

O CUD embárcase no Juan Sebastián de Elcano

Os gardamarinas recibirán por primeira vez formación universitaria a bordo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 09/01/2014

Xunto aos gardamarinas da Escola Naval Militar de Marín e os aspirantes a cabo da Estación Naval da Graña en Ferrol, profesores do Centro Universitario da Defensa (CUD) embarcaron este xoves no buque-escola Juan Sebastián de Elcano, que nesta xornada partiu do Arsenal Militar de La Carraca, en San Fernando, Cádiz. Durante o próximo mes e medio, esta embarcación desenvolverá nas augas do Mediterráneo a primeira fase do LXXXV Cruceiro de Instrución, no que por primeira vez se impartirá formación universitaria a bordo, da man dos docentes do centro adscrito á Universidade de Vigo.

Concretamente serán os gardamarinas das promocións 415 do Corpo Xeral da Armada e 145 da infantería da Marina os que reciban no marco deste cruceiro de instrución, que se prolongará ata o 22 de febreiro, a formación correspondente ao título de Grao en Enxeñería Industrial na rama de mecánica.

Neste cruceiro de instrución participan 69 gardamarinas da Escola Naval Militar de Marín e 33 aspirantes a cabo primeiro e cabo da especialidade de Manobra e Navegación da Estación Naval de Ferrol. O Juan Sebastián de Elcano ten ao mando ao capitán de navío Enrique Torres Piñeyro e unha dotación de 23 oficiais, 22 suboficiais e 140 militares de tropa e marinería, aos que se suman nesta ocasión cinco profesores civís.