DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do vicerreitor Antonio García Pino

Cuestións relativas a profesorado na primeira lección do curso para docentes noveles

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 09/11/2007
Os trinta alumnos inscritos no curso de formación dirixido a amosarlle aos profesores noveles o contexto institucional docente, investigador e de xestión da Universidade, asistiron á primeira lección a cargo de Antonio García Pino, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado. A conferencia versou sobre a organización e as funcións da área que dirixe, ademais de amosarlles a carreira docente que poderán desenvolver ó longo da súa estadía na Universidade.
Catedrático, profesor titular e contratado doutor son o máximo estadio que se pode alcanzar dentro da institución, e a isto é ao que aspiran os novos docentes, que para acadar este obxectivo teñen á súa disposición un programa de promoción con quince prazas dispoñibles para os distintos colectivos interesados. García Pino destacou a importancia que o currículo vitae ten neste proceso de estabilización de persoal e “ para pasar a formar parte do reducido círculo de catedráticos, que este ano está entorno a 100”
O vicerreitor subliñou ademais a importante antelación coa que a súa vicerreitoría ten que elaborar o P.O.D., Plan de Organización Docente, xa que agora mesmo están traballando para o curso 2008-2009. A finalidade é revisar o encargo de profesorado que fan os vinte e dous centros da Universidade e seleccionar o persoal preciso para atender as demandas. Para ilustrar este proceso ofreceu cifras reais, apuntando que “no período académico 2007-2008 houbo 25.000 créditos de encargo docente que se concentraron no ámbito tecnolóxico e xurídico-social principalmente”

Próximas sesións


As vindeiras conferencias deste ciclo de formación de profesorado correrán a cargo de diversos expertos procedentes da Universidade. Entre os relatores que participan neste proxecto está Manuel Reigosa, vicerreitor de Investigación; Luis Muñoz, decano da Facultade de Química; Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa; Ángeles Cancela Carral, directora da área de Calidade, e Gerardo Marraud, director da Bibioteca Universitaria.