DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza este mércores con concertos musicais na Sala Karma

Cultukata’12 achega as últimas tendencias en comunicación

A organización reforzou a vertente formativa dos actos conmemorativos convidando a expertos da comun

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 17/04/2012

A semana de accións culturais que precede á festividade de Santa Catarina de Siena, patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Cultukata, arrinca este mércores cos primeiros concertos musicais organizados na sala Karma de Pontevedra. Este ano, os organizadores, alumnado de terceiro curso de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual, convidaron a profesionais "experimentados" do mundo da comunicación “para que compartan con nós as súas experiencias e as últimas tendencias do sector”, explica o voceiro Mauricio Rodríguez, reforzando a “habitual” oferta musical da semana cultural.

Grazas ao apoio do profesor Daniel Martí e á colaboración da Asociación de Directivos da Comunicación, “os alumnos e alumnas do centro poderán achegarse a temas moi específicos e actuais do sector da publicidade e relacións públicas, dando resposta a unha demanda formativa por parte dos estudantes e complementando e ampliando o que se dá nas clases”, sinalan Rodríguez e Martí. O ciclo de conferencias, aberto a toda á cidadanía ata completar o aforo do salón de graos do centro, comezará o 24 de abril da man da directora da Asociación de Directivos da Comunicación en Galicia, Amalia Baltar, que presentará a Lito García Abad, ex-director de comunicación interna de Caixa Galicia, que abodará o lobbyng como profesión emerxente. O mércores 25 de abril será a quenda de Carmén Fernández, dircom de Mercadona, e de Lucía Fernández, de R Cable Galicia, que compartirán a súa visión sobre a xestión da comunicación interna e das redes sociais das empresas. Pecharán o ciclo o xoves 26 antigas alumnas da facultade que afondarán no co-working e na construción dunha marca de publicitarios, concretando no caso de Publigal.

Promoción de grupos emerxentes

Este xoves 18 de abril a programación cultural dá o pistoletazo de saída cun concerto no que actuarán os grupos musicais The Outsiders, Glasglow, Pluton e Johnny and the Ticks, ademáis de tres dj’s da propia Sala Karma. “Con este programa musical, ademais de recadar fondos, damos pulo a grupos emerxentes de Galicia, dándoos a coñecer a través destas xornadas”, sinala Mauricio Rodríguez. Para o mércores 25 de abril, a organización ten preparada “unha noite de película” coa proxección dun filme interactivo na propia Sala Karma “onde a escena sairá da pantalla e cobrará vida” para rematar cun concerto en directo de Hospital of Dummies.