DUVI

Diario da Universidade de Vigo

X. Lage presenta o informe ‘A situación sociocultural dos concellos galegos de menos de 50 mil habit

A cultura contribúe ao desenvolvemento económico e social da contorna

A pesar da crise, os políticos deben buscar alternativas, como consorciar a contratación dos técnico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 14/10/2011

Á hora de realizar un orzamento, e máis en tempos de crise, a cultura sempre é vista como un gasto, máis que como un investimento, cuestión que rebate o profesor Xesús Lage ao afirmar que todo o cultural “constitúe un sector estratéxico para o país, un factor clave para o desenvolvemento socioeconómico do lugar”. Así o recolle o informe A situación sociocultural dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, feito en colaboración con Xosé Elías Trabada e Mercedes Fernández e que dá conta da evolución das políticas culturais levadas a cabo polas pequenas corporacións municipais de Galicia.

O estudo, que nace dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e o Consello de Cultura Galega froito dunha iniciativa do profesor Xan Bouzada, constata unha progresiva institucionalización dos servizos culturais dos concellos galegos en comparación co último estudo realizado polo propio Bouzada a principios dos 90. “As corporacións locais comezan a asumir esta competencia, o que se traduce nun incremento dos departamentos e unidades administrativas de cultura, un maior número de persoal contratado para estas actividades e, por suposto, unha maior dotación de infraestruturas e de equipamentos culturais”, explica Lage.

Tempos peores

Agora ben, o profesor advirte que este estudo foi realizado nun período de bonanza económica, “e amosa unha fotografía do que sucedía no momento máis alto, a partir do cal todas as dotacións minguaron como consecuencia dos recortes ante a crise”. Comenta que nos orzamentos de 2009, data do estudo, “xa se comezaba a limitar o financiamento para actividades culturais”. A nova situación das caixas galegas, así como a redución da partida orzamentaria das deputacións provinciais aos concellos, “empeora o panorama cultural” e moitos dos técnicos, que eran contratados en réxime temporal, "moi probablemente non foron renovados”.

Lage sinala que estes recortes “non son intelixentes”, pois as actividades culturais que se levan a cabo nos concellos máis pequenos non soamente reforzan cuestións identitarias do lugar, “senón que se poden vincular co desenvolvemento económico local”. Para aclarar esta nova visión, Lage remítese ao Museo Guggenheim de Bilbao, “un edificio cultural que atrae turismo e que repercute na economía da cidade”.

A solución, o consorcio de actividades culturais

Co obxecto de paliar a desaparición das actividades culturais das corporacións máis pequenas, os autores presentan a posibilidade de que consorcien servizos, “algo que xa se observou na provincia de Ourense no que tres concellos de reducidas dimensións, A Peroxa, Coles e Amoeiro, teñen contratado a un técnico de forma conxunta”. De este xeito “o notable esforzo” que implica nestes momentos financiar unha programación cultural estable “suporía un desgaste menor se se comparte, como ocorre con outros servizos como o do lixo”.

Por outra banda, o profesor Lage tamén sinalou os beneficios que supón para o político local atender ás necesidades das máis de 5000 asociacións culturais espalladas pola xeografía galega, “liderando unha demanda social importante que lle permite atopar interlocutores coa súa contorna”, conclúe.