DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os contratos que determinarán o financiamento dos centros avalían indicadores utilizados polo SUG e

A cultura do mérito esténdese na Universidade coa aplicación dos contratos programa con escolas e facultades

A medida consensuada con decanos e directores xa terá reflexo nos orzamentos de 2013

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/05/2012
A Universidade de Vigo será a primeira de Galicia en aplicar un modelo de contrato programa coas súas escolas e facultades no que a través da avaliación dunha serie de indicadores encadrados en obxectivos como docencia, investigación, transferencia, adaptación a outras demandas sociais, proxección internacional e xestión, determinarase o financiamento dos centros. A medida que conta co respaldo dos directores e decanos da Universidade de Vigo e que foi aprobada o pasado mes de decembro polo Consello de Goberno, aplicarase de inmediato e xa quedará reflectido nos orzamentos da institución académica do ano 2013. “Trátase de estender a cultura do esforzo, do mérito e da capacidade a toda a comunidade universitaria”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, no acto público de presentación do modelo que o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro cualificou como “un salto cualitativo” que se insire no “cambio de filosofía” sobre o que se asenta o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia , SUG, que contempla que en 2015 un terzo do financiamento das universidades dependerá dos obxectivos acadados e non de criterios históricos.

Neste aspecto tamén incidiron o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García e o comisionado de Plans Estratéxicos, Xavier Martinez Cobas, que lembraron a defensa que a Universidade de Vigo fai do financiamento en función de resultados que no caso dos contratos programa cos centros contribuirá a “mellorar o noso financiamento e tamén a nosa posición nos ránkings”, asegurou García. Tanto o representante da Xunta, como os da Universidade de Vigo agradeceron a disposición dos decanos e directores de escolas e facultades, presentes no acto celebrado hoxe na Reitoría, por adoptar este modelo co que, segundo o reitor, “a Universidade cunha soa voz dille á cidadanía que está comprometida a traballar arreo e ser merecedora do financiamento público que recibe”.

Indicadores obxectivables que determinan o financiamento

Concibido como un acordo entre a Universidade e cada centro no que se fixan obxectivos de mellora en diferentes áreas, son os resultados acadados en docencia, investigación, transferencia, adaptación a outras demandas sociais, proxección internacional e xestión, os que determinarán o financiamento das escolas e facultades. Deses obxectivos é a investigación cun 30% o que acada a maior porcentaxe no reparto, seguido da docencia cun 25%, transferencia e adaptación a outras demandas sociais cun 15%, proxección internacional cun 10% e xestión cun 5%. A súa vez, cada un deses obxectivos, contempla máis de vinte indicadores “obxectivables e utilizados no Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2011-2015, así como os recoñecidos pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) en xuño de 2011”, sinala Xavier Martínez Cobas, de xeito que “para cada centro, a aplicación do contrato programa supón que o seu financiamento virá condicionado polo grao de cumprimento nos obxectivos. A maior grao de mellora, maior financiamento, e viceversa”.

O comisionado de Plan Estratéxicos e o vicerreitor de Economía e Planificación lembraron que os contratos programa xa se está a aplicar noutros organismos públicos “con moita profusión, pero dun xeito máis estético que real”, asegurou Xosé Manuel García en relación cun modelo que sinalou xa estaba contemplado no Plan Estratéxico da Universidade de Vigo e que aínda pode ser mellorado, para o que solicitou a colaboración e as achegas dos responsables dos centros.

Agradecemento ás innovadoras achegas da Universidade

Na súa intervención o secretario xeral de Universidades incidiu na importancia de tomar nas universidades medidas de racionalización e que melloren a docencia, a investigación e a transferencia. Díez de Castro gabou o talante colaborador da institución académica viguesa coa Xunta de Galicia no proceso de negociación do Plan de Financiamento, asegurando que “foi a universidade do SUG que fixo sempre as achegas desde unha visión máis moderna”. Así mesmo reiterou a vontade do executivo autonómico de colaborar na posta en marchar deste tipo de medidas xa que “neste momento difícil hai que mellorar máis rápido”. Neste sentido lembrou o papel de abandeirada que a universidade sempre tivo nos momentos de cambio e asegurou que a de Vigo é “un claro exemplo desta actitude. Xa se esta a ver como mellora dentro do SUG e xa está a recoller os resultados das súas accións mais innovadoras e atrevidas que mellorarán a universidade, a cidade e a Galicia”.

Galicia non precisa unha suba de taxas para o próximo curso

En relación coa polémica xerada polo Real Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, o secretario xeral de Universidades da Xunta asegurou con contundencia que “Galicia non necesita subir as taxas o próximo curso, outras comunidades autónomas teñen que subilas, pero Galicia non”, ao tempo que solicitou ao Goberno Central que “nos deixen interpretar o decreto en función das nosas necesidades”. José Alberto Díez de Castro asegurou que estamos nun cambio de modelo e que cómpre facer, en relación co decreto, “axustes e interpretar algúns parágrafos”, un proceso para o que se intenta acadar un consenso que leve a “unha interpretación correcta dos obxectivos do decreto” que sinalou, dá medidas para que as comunidades autónomas cumpran os obxectivos de déficit, o que segundo Díez de Castro ocasiona “diferenzas de interpretación”. O secretario xeral manifestou a súa esperanza en que se acade un éxito na negociación co Ministerio de Educación e en caso que non se produza avanzou que xa teñen preparados “plans alternativos”.