DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Susy Delgado, responsable da Dirección de Promoción das Linguas do novo goberno de Paraguai:

“Cun 90% de falantes de guaraní en Paraguai, ata o de agora, non se podía presentar ningún documento neste idioma”

Xornalista e poeta, presenta o seu primeiro libro bilingüe con tradución ao galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/12/2008

Con arredor de 7 millóns de falantes, o guaraní é, dende 1992, lingua oficial xunto co castelán, en Paraguai. Porén, o recoñecemento legal do idioma non trouxo consigo a dignificación do mesmo nin un bilingüismo coordinado, algo que o novo goberno do país, con Fernando Lugo á cabeza, se marcou como meta. No seu empeño por poñer en valor o guaraní o novo executivo ven de crear o cargo de responsable da Dirección de Promoción das Linguas da Secretaría Nacional de Cultura, que ocupará a xornalista e escritora Susy Delgado. A piques de tomar posesión do seu novo cargo, Delgado impartiu na Facultade de Filoloxía e Tradución unha conferencia sobre a lingua e a literatura guaraní na que fixo un percorrido dende os cantos míticos ata a poesía de hoxe. Durante esta visita, que coincide coa presentación do seu primeiro libro traducido ao galego, afondou para o DUVI na situación lingüística do seu país.

Xornalismo, literatura, danza e agora política. Conta vostede cunha formación multidisciplinar, como se conxugan estas facetas?
Foron etapas, pero as máis longas corresponden ao xornalismo, aínda que agora estou experimentando unha etapa nova. Se me preguntan que son, considérome poeta e xornalista, aínda que lle dediquei á danza tamén moitos anos. Considero que esta última faceta está moi emparentada coa poesía, xa que son arte ao fin e ao cabo.

Dende o seu cargo público como responsable da Dirección de Promoción das Linguas, como definiría a situación lingüística do Paraguai?
Este é un cargo de nova creación, antes non existía nada similar, pero como xornalista e escritora en lingua guaraní sempre estiven preto da tarefa da defensa da lingua. Con todo, anteriormente xa tiñan feito algunha achegas á dignificación e oficialización da lingua e un dos fitos máis importantes tivo lugar en 1992 co se recoñecemento como lingua oficial e outra data a destacar é o ano 1994 coa reforma educativa, cando se comezou a implementar o plan de educación bilingüe, que tivo algúns momentos de logros pero tamén destacados retrocesos. Foise avanzando entre polémicas e dificultades e neste momento é motivo dunha nova revisión por parte das novas autoridades.

Pero o guaraní, aínda sendo lingua minorizada é falada por máis do 90% da poboación.
O guanarí é unha lingua que chegou a estes primeiros tramos do terceiro milenio cunha vitalidade asombrosa. Calculamos que os falantes habituais do guaraní estarían arredor dos 7 millóns, dentro e fóra do Paraguai, aínda que se establecerían gradacións segundo os sectores ou os estratos. Hai un índice de utilización habitual moi amplo pero non en todas as instancias, que é un dos principais problemas que temos. É lingua oficial dende 1992, pero o Estado non funciona ata hoxe en lingua guaraní, ningún dos seus poderes, nin o executivo, non o xudicial, nin o lexislativo funcionan un guaraní, non se ten emitido ningún documento oficial nesta lingua. Esta é unha das tarefas que temos enfronte e, neste momento, estamos traballando intensamente en crear unha Lei de Linguas coa que pretendemos que se faga real a oficialidade e que o Estado sexa oficialmente bilingüe.

Como é a situación do idioma no eido educativo?
A educación é o único terreo no que se tentou facer algo, aínda que sexa con defectos. En 1994 comezouse a implementar a reforma educativa co plan de educación bilingüe que acadou certos logros. Peros nos últimos anos polo gran rexeitamento que tivo esta reforma, o Ministerio de Educación abriu a posibilidade de que as escolas elixisen libremente a modalidade do guaraní-falante os catelán-falante e entrouse nun retroceso moi forte, deixando de lado o modelo de bilingüismo coordinado. O resultado é que a modalidade do guaraní impártese en moi poucas escolas, polo que o novo Goberno xa anunciou unha nova revisión da reforma.

Se a lingua está fora das institucións públicas e do ensino, como se poden manter unha porcentaxe do 90% de falantes habituais?
A pouca presenza que o guaraní ten nas escolas está presidida polo desprestixio. A transmisión e a vitalidade da lingua sostense na oralidade e no eido familiar. Con todo, aínda na atmosfera persoal é campo de paradoxos, xa que moitos dos seus falantes desprezan a súa lingua, non todos, pero moitos caracterízanse por certo auto-odio e moitos pais prefiren que os seus fillos sexan escolarizados en inglés antes que en guaraní.

Cales son os proxectos que se van poñer en marcha coa entrada do novo executivo?
Estamos traballando moito na Lei de Linguas, a aposta máis forte e importante que temos neste momento. Tamén se lanzou un proxecto de cursos de guaraní para os funcionarios públicos que, aínda que parece unha iniciativa moi modesta, considerámola fundamental porque o funcionariado público é unha das instancias nas que ten que estar cunha presenza máis forte. Con todo, cabe subliñar que estamos inmersos nun proceso de reestruturación dos organismos e institucións gubernamentais porque herdamos unha situación de bancarrota e destrución moi grande, estamos comezando, pero a lingua está entre os nosos obxectivos principais.

A visibilidade da lingua nas institucións públicas é unha vía importante para prestixiar e por en valor o guaraní. Pero como se pode acabar con ese sentimento de auto-odio? Como se ensina a amar un idioma?
O que temos que facer é unha tarefa de sensibilización profunda a todos os niveis. Antes dos cursos de lingua é preciso, en moitos casos, un curso de sensibilización para que saiban que teñen nas súas mans unha ferramenta valiosa, que temos unha herdanza cultural nada desprezable, senón todo o contrario. Temos que apelar á creatividade e fixarnos en outros procesos similares, crear estratexias e camiños novos para acadar esta sensibilización. Eu, como escritora pretendo facer isto mesmo e acudo a escolas e centros para demostrarlles que a lingua guaraní ten un gran prestixio fóra de Paraguai e os rapaces quedan coa boca aberta ao saber que en universidades de Francia ou Alemaña se interesan pola nosa lingua. Asómbranse vivamente porque viven inmersos nunha contorna na que a lingua é desprezada.

Sucede o mesmo coa cultura e a tradición guaraní?
Coa cultura pasou o mesmo no pasado, pero agora, nos últimos lustros, cambiou moito a situación e moita xentes resístese simplemente por descoñecemento.

Vostede publica moitas das súas obras dun modo bilingüe, cos textos en guaraní e en castelán. É aínda necesario facelo nos dous idiomas?
O castelán funcionan como unha ponte, o guaraní debe valerse por si só pero e xa se lanzan publicacións integramente nesta lingua, pero o castelán sírvelle a moita xente para achegarse ao guaraní, para axudalos a entendelo e a comezar a coñecelo.

Para rematar, vostede está estes días presentando o seu libro Xestado na Palabra, unha edición bilingüe en guaraní e galego. É a primeira vez que se traduce a súa obra ao galego?
Esta é a primeira vez que se publica en España un texto traducido do guaraní e este interese internacional é un importante mecanismo para prestixiar a lingua en Paraguai. Esta publicación é un logro importantísimo, cada vez que me traducen un texto poético teño unha sensación que me custa explicar, un sentimento moi grande.