DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da UVigo ocupará a vacante do historiador Xosé Ramón Barreiro 

Cun discurso sobre a toponimia de Lalín, Gonzalo Navaza ingresará na RAG o 5 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Investigación
DUVI 27/10/2022

O docente e investigador do Departamento de Filoloxía galega e latina da UVigo Gonzalo Navaza Blanco ingresará na Real Academia Galega como membro de número, o vindeiro 5 de novembro, nunha sesión extraordinaria que terá lugar no salón de actos da institución na Coruña. O filólogo e escritor pronunciará un discurso titulado Nomes de persoa na toponimia de Lalín, centrado na súa terra natal dende unha rama da filoloxía, a onomástica, na que Navaza é especialista. Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica, do que o docente da UVigo é membro correspondente desde o ano 201, será o encargado de darlle resposta ao docente e investigador da Universidade de Vigo. Coñecido polo gran público polo seu labor literario, Gonzalo Navaza ocupará na RAG a vacante producida polo pasamento en marzo de 2o21 do historiado e presidente da Real Academia Galega durante case unha década, Xosé Ramón Barreiro Fernández. 

Destacado investigador no eido da toponimia

Galardoado como autor de obras líricas co premio da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000) e tamén co Martín Codax; e como narrador, co San Clemente por Erros e Tánatos (1998), Navaza tamén traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego, ademais de desenvolver un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios. 

A RAG destaca especialmente as súas achegas no eido da toponimia, que se remontan a comezos da década de 1980, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), unha obra monumental que xunta preto de 8000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, e que foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).  O novo académico forma parte, ademais, do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica.

Achegas no eido da tradución e autor de obra didácticas 

As súas contribucións como filólogo abranguen tamén o campo literario, prestando atención a figuras como Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, e como tradutor, trouxo ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986). A súa versión galega de O can dos Baskerville de Conan Doyle, foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991), a d’A traxedia do home recibiu o Madách Award (2003) e a d’As flores do mal de Baudelaire o Premio de Tradución Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2009).

Gonzalo Navaza desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).