DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle unha campaña informativa no Día Europeo da Saúde Sexual

Cupido tamén se preocupa pola educación sexual

Repartíronse folletos e preservativos para a prevención da Sida

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 14/02/2011
Marcada en vermello no almanaque, o 14 de febreiro é un día para a celebración do amor, pero tamén da prevención no que á saúde sexual se refire. Esta coincidencia na data entre o Día de San Valentín e o Día Europeo da Saúde Sexual non é casual e fíxose patente no campus de Ourense que acolleu unha campaña informativa que, baixo o reclamo de En Cuestión de Sexo non a Xogues, repartiu entre o alumnado información sobre saúde sexual e prevención ao tempo que distribuiu entre os mozos preservativos.

Jonathan da Silva, secretario xeral da entidade organizadora, Xuventudes Socialistas de Ourense, sinala que o obxectivo desta iniciativa é que “nun día tan especial coma o de hoxe a xente lembre que é fundamental ter hábitos correctos de saúde sexual”. Para contribuír a este obxectivo, decidiron desenvolver no campus ourensán a campaña En Cuestión de Sexo non a Xogues, que consistiu no reparto de folletos informativos e preservativos en diversos centros do campus e nun posto situado na biblioteca universitaria.

“A través desta iniciativa queremos tamén informar aos universitarios sobre medidas no ámbito da educación sexual como a Lei do Aborto, a pílula do día despois ou a educación sexual, e sobre as súas implicacións”, explica Da Silva. Outro dos temas de preocupación da campaña é a prevención do contaxio da Sida, polo que ademais de ofrecer información se repartiron preservativos entre o alumnado que se achegou ata o posto informativo da biblioteca.