DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrou a súa graduación no Salón Nobre da Deputación Provincial

Curar e coidar serán as metas profesionais da trixésima promoción da Diplomatura de Enfermaría

Presidiu o acto a vicerreitora do campus Antonia Blanco, que lles desexou sorte no futuro profesiona

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 25/06/2010

“A vosa meta profesional será curar e, cando a enfermidade o impida, coidar da mellor maneira posible”. Este foi o consello que lle deu a profesora María Divina Radio Lusquiños á trixésima promoción da Diplomatura de Enfermaría, que celebrou hoxe a súa graduación no Salón Nobre da Deputación Provincial. Cun claro predominio feminino, máis de medio cento de novas enfermeiras e un só enfermeiro recibiron os seus diplomas nun acto presidido pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco. “Deséxovos toda a sorte que merecedes e non teñades medo á situación laboral actual porque de seguro ides saír adiante facendo das dificultades oportunidades”, díxolles. A vicerreitora aludiu tamén ao desafío da Escola Universitaria de Enfermaría de cara ao vindeiro curso coa implantación do grao. “Cómpre traballar a reo para que Pontevedra conte no mapa de titulacións do campo da saúde”, destacou.

Felicitou igualmente ás egresadas e ao egresado o director do centro, José Luis Vázquez Rey, transmitíndolles a oportunidade que supón a implantación do grao. “A carreira estaba encorsetada e agora ábrese ao mestrado e ao doutoramento, polo que se establecerá unha pasarela para que poidades homologar o voso título”, lembroulles. Quixo tamén deixar un desexo para o novo reitor, Salustiano Mato: “que as musas non o abandonen e a sociedade e as administracións estean con el nestes tempos difíciles”.

Pola súa parte, Teresa Pedrosa, salientou o labor humano dos enfermeiros e animou aos titulados a ser grandes profesionais e grandes persoas. “Estar no hospital sempre é un momento difícil, polo que é moi importante atopar un xesto de confianza”, sinalou.

A importancia da comunicación non verbal

A profesora María Divina Lusquiños impartiu a conferencia de peche do curso académico, que deu comezo ao acto de graduación. Co título Comunicación non verbal nos coidados enfermeiros, intentou transmitirlles aos novos egresados a importancia da xestualidade para comunicarse de xeito afectuoso con pacientes. “Isto mellora a calidade dos coidados e diminúe a ansiedade que supón para un enfermo adaptarse ao medio hospitalario”, afirmou. Para isto, entre outros consellos, recomendoulles usar sempre un ton tranquilizador de voz, non anticiparse ás respostas dos enfermos, saber escoitar, ter en conta o contexto multicultural no que un xesto pode ter varios significados e aprender ferramentas para comunicarse cos pacientes con déficits sensoriais.

Fixo fincapé tamén nas vantaxes de dominar a linguaxe corporal para enfrontarse a unha entrevista de traballo. “O entrevistador vaise fixar máis nos vosos xestos que no que dicides”, subliñou. Finalmente, desexoulles que o exercicio da profesión lles resultase tan gratificante como o foi para ela durante 32 anos.