DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como novidade o primeiro cuadrimestre finalizará antes do Nadal

O curso 2012/2013 estreará o calendario máis axustado a Boloña e harmonizado con Europa

O Consello de Goberno tamén aprobou na sesión de hoxe as prazas e bolsas de aloxamento

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/04/2012
A actividade docente desenvolverase o curso 2012/2013 na Universidade de Vigo entre o 3 de setembro e o 21 de decembro de 2012 e do 8 de xaneiro ao 7 de maio de 2013. Ao longo destes dous cuadrimestres terán lugar as clases e outras actividades presenciais, as probas de avaliación, o traballo autónomo do alumnado e as prácticas curriculares do vindeiro curso académico que comprenderá do 3 de setembro de 2012 ao 31 de xullo de 2013 e no que, como é habitual, o mes de agosto non será lectivo. O calendario que, como expuxo a secretaria xeral, Inma Valeije, recolle as suxestións de equipos decanais e representantes do alumnado, “permítenos acomodarnos ao calendario imposto por Boloña que impón que os procesos de aprendizaxe e avaliación continúa precisan dun calendario que minimice as interrupcións significativas ao tempo que facilita a harmonización cos calendarios europeos”. Pola súa banda o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, destacou de este novo modelo “ a autonomía dos centros para organizar a actividade segundo as súas necesidades dentro do marco xeral establecido pola Universidade que virá marcado pola data de inicio e entrega final de actas”.

O calendario do vindeiro curso que introduce como principal novidade a finalización do primeiro cuadrimestre antes do Nadal, contempla, segundo explicou a secretaria xeral unha serie de vantaxes, entre as que destacou: a posibilidade de realizar os exames do primeiro cuadrimestres antes do Nadal; a liberación de función lectiva directa do mes de xuño, de xeito que o alumnado ten un mes para a preparación dos exames de xullo e a posibilidade de que no mes de outubro teña lugar a convocatoria extraordinaria de exames fin de carreira e os denominados exames de decembro, o que evitará solapamentos cos exames do primeiro cuadrimestre, pero que deixa aberta a posibilidade de que os exames poidan fixarse coincidindo co resto de convocatorias do curso.

Tanto Valeije como Barcia reiteraron o problema que un ano máis volverá a producirse co alumnado de primeiro curso que faga a selectividade en setembro e que se incorporará á Universidade co curso xa iniciado. “Un problema”, lembrou Barcia, “que non está na nosa mano solucionar”. En canto ao calendario 2012/2013 para os mestrados confírmase que o inicio da actividade será determinada en cada caso pola Vicerreitoría de Titulacións, Profesorado e Organización Académica dependendo das circunstancias de matriculación.

Rexeitamento da oposición

Os argumentos esgrimidos polo equipo de Goberno en defensa do novo calendario non convenceron aos membros de Nova Universidade que en boca de Armando Caballero o tacharon de “incoherente” e de beneficiar ao alumnos que van peor en detrimento dos que teñen un mellor rendemento. Así, mentres para Caballero “non se pode falar dun calendario más axustado a Boloña, cando o tamaño dos grupos vai en aumento” e prexudícase ao alumnado que vai mellor con menos tempo de preparación para os exames, Enrique Barreiro incidiu no problema que representa a chegada de estudantes aos primeiros cursos a principios de novembro.

A posibilidade de que os centros poidan elixir entre este calendario e o do curso anterior ou o desenvolvemento dunha normativa que permita ao profesorado gozar da súas vacacións nun período diferente ao mes de agosto, foron outras propostas formuladas polos membros do Consello de Goberno que finalmente aprobou o calendario para o curso 2012/2013 por 26 votos a favor, seis en contra e dous votos en branco.

Prazas e bolsas de aloxamento para o vindeiro curso

A unanimidade presidiu a aprobación da convocatoria de prazas e bolsas de aloxamento para estudantes da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. Unha convocatoria que o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, confirmou que “é idéntica á do curso pasado, salvo en que as residencias de O Castro en Vigo e As Burgas en Ourense pediron o incremento do IPC o que se traduce nunha suba duns 6 ou 7 euros”.

O Consello de Goberno tamén aprobou na sesión ordinaria celebrada hoxe a proposta da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de fixar unha taxa de 63,67 euros, máis 6 euros en concepto de seguro, para a realización das probas de aptitude para o acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como o nomeamento da comisión interna do programa DOCENTIA de xestión da calidade da actividade docente.