DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de Mª Jesús Marcos, asesora na UPV e Ana Garriga, delegada de protección de datos da UVigo

Un curso aborda a importancia da ética nas investigacións que se realizan con seres humanos

A Universidade de Vigo conta cunha estrutura de catro comités de ética que implican a 35 persoas

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/07/2022

Tanto traballando con seres humanos, como con animais de experimentación ou con mostras e datos, a ética é unha peza fundamental para que un proxecto de investigación se desenvolva con éxito e con excelencia. Cada vez máis convocatorias, tanto estatais como europeas, esixen ter en contan aspectos relacionados coa ética e, para darlle cumprimento á lexislación vixente sobre os principios éticos e consciente da responsabilidade ante a sociedade con respecto á investigación científica e á transferencia de coñecemento desenvolvida no seu ámbito, a Universidade de Vigo dotouse dunha estrutura composta por un Comité de ética na investigación (CETIC) e outros tres comités independentes. Estes órganos están formados por 35 persoas que este venres participaron nun curso intensivo sobre Ética da investigación con seres humanos, os seus datos e as súas mostras. Esta formación, aberta tamén a todo o persoal investigador da UVigo, desenvolveuse ao longo da mañá de xeito presencial no edificio Miralles e tamén a través do Campus Remoto.

Na apertura deste curso participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e a de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, acompañando as dúas docentes do curso: María Jesús Marcos, técnica de Bioética e asesora de ética na investigación e a docencia na Universidade do País Vasco, así como membro da Comisión de Ética da UVigo, e Ana Garriga, delegada de protección de datos da Universidade de Vigo e profesora da área de Filosofía do Dereito. A vicerreitora de Investigación cualificou de “luxo” poder inaugurar un curso coma este e facelo dende unha “mesa composta por catro mulleres, o que eticamente está moi ben, pero que é unha excepción, xa que na maioría das ocasións vemos xustamente o contrario”. 

Os comités de ética, aliados para a excelencia 

Os obxectivos desta xornada pasan por comprender a importancia dos criterios éticos cando se levan a cabo investigacións con seres humanos, os seus  datos e as súas mostras e coñecer as funcións dos comités de ética na investigación e como realizan a avaliación dos aspectos éticos na investigación. Ao longo da xornada tamén se tratou de identificar os diferentes escenarios na investigación con seres humanos, os seus  datos e as súas mostras e de afondar nos elementos básicos que cómpre ter presentes na avaliación ética de propostas de proxectos e teses de doutoramento de diversas áreas de coñecemento como as cuestións relacionadas coa protección de datos.

A este respecto, Mª Jesús Marcos arrancou a súa intervención lembrando a importancia de que tanto os membros das comisións de ética como calquera PDI que realice as súas investigacións con seres humanos, cos seus datos ou coas súas mostras, e incluso tamén con animais de experimentación ou con calquera material que poida implicar un risco biolóxico para a saúde humana, animal ou para o medio ambiente “pense que a excelencia da investigación está en facer as cousas ben”. Neste sentido subliñou que os comités de ética “non están para poñer atrancos á investigación, senón todo o contrario, tratan de axudar o persoal investigador a resolver eses problemas e conflitos que xorden”. Recalcou Marcos que todos “debemos interiorizar a importancia que ten a ética” e a ética non é máis que “pensar no material co que estamos traballando, xa sexan animais, patóxenos, un ser humano ou moitos, datos, etc. e pensar tamén no impacto que pode ter este traballo na saúde humana ou no medio ambiente”. 

Un comité e tres subcomités

A estrutura no eido da ética na UVigo está composta por un Comité de Ética na Investigación, CETIC, que o órgano principal para velar polo cumprimento das boas prácticas en investigación e en experimentación, garantindo a integridade científica e académica. Na actualidade este comité está a traballar, como avanzou a vicerreitora de Investigación, na redacción dun Código Ético.

Deste comité dependen, á súa vez, o Comité de ética de experimentación animal, “o máis antigo de todos” e conta coa habilitación da Xunta de Galicia e o Comité de xestión de riscos biolóxicos, cuxo traballo é especialmente relevante unha vez se puxo en marcha no Cinbio un laboratorio cun nivel de contención 3 e coincidindo tamén co desenvolvemento de proxectos sobre covid-19. O terceiro comité é o de ética para a investigación con seres humanos e medio ambiente, que é responsable da avaliación dos aspectos éticos da investigación realizada na Universidade de Vigo con fins científicos que implique seres humanos ou o medio ambiente, así como a obtención e tratamento de datos persoais que poidan afectar a dereitos fundamentais, conforme á lexislación vixente. Ademais, a estrutura súmase  tamén Ana Garriga, como delegada de protección de datos, e María José Bravo Bosch, como mentora ética da UVigo.