DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá unhas xornadas sobre atención á discapacidade para profesionais do deporte

Un curso para abrir os ximnasios ás persoas con mobilidade reducida

O piloto Isidre Esteve falará na sesión inaugural da actividade física como ferramenta de integració

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 17/01/2014

A sala de fitness de calquera ximnasio pode ser un bo lugar para que persoas cunha lesión medular leven a cabo unha serie de exercicios que contribúan á mellorar de xeito importante a súa calidade de vida. “Nunha sala convencional con aparatos convencionais pódese traballar perfectamente con lesionados medulares e persoas con mobilidade reducida”, sostén o profesor Juan José Crespo, especialista en medicina deportiva. A clave é saber como aproveitar os recursos dispoñibles e iso é precisamente no que se vai centrar o curso Fitness con atención á discapacidade e mobilidade reducida, que se desenvolverá en febreiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“O lesionado medular é unha persoa que necesita o exercicio para a súa vida diaria, porque o precisa para mellorar o seu control postural e os seus movementos e porque ten que ter tamén máis resistencia e forza, sobre todo nas extremidades superiores”, explica Crespo, coordinador do curso e responsable da Unidade Médica do Servizo de Deportes da Universidade. Ademais, ao tratarse de persoas con mobilidade reducida, teñen tamén un maior risco de padecer enfermidades cardiovasculares, que a actividade física axuda a combater ao tempo que permite reducir os niveis de colesterol ou de sobrepeso. A isto hai que sumar tamén o benestar mental que achega a actividade física, “un estímulo para eles, que se ven capaces de facer o que nin imaxinaban que podían chegar a facer”, engade Crespo.

Pautas para os profesionais

Organizado polas facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte xunto coa Fundación Isidre Esteve, o curso que se desenvolverá no campus pontevedrés os días 4, 5, 14 e 15 de febreiro estará centrado precisamente en amosar como dar resposta a esas necesidades de actividade física das persoas cunha lesión de medula espiñal en calquera instalación, aínda que as pautas que nel se trasladen axudarán tamén aos profesionais a traballar con persoas con outro tipo de problemas de mobilidade, segundo explica Crespo. Orientadas especialmente a graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte ou Fisioterapia, así como a monitores deportivos, nestas xornadas exporase tamén o modelo de traballo dos centros Ponte que a Fundación Isidre Esteve puxo en marcha en Vigo e Barcelona. De feito, a xornada inaugural do curso abrirase cun relatorio do propio Esteve, piloto de rallies cunha lesión medular, que falará do deporte como unha ferramenta para a integración. Así mesmo, as xornadas contarán tamén coa participación de Joan Rodríguez, director do Centro Ponte barcelonés, que abordará cuestións como o deseño de sesións para persoas con mobilidade reducida nas salas de fitness.