DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Un curso achega as claves da nutrición deportiva a estudantes e profesionais

Aborda cuestións como a súa influencia no rendemento, as axudas ergoxenéticas ou a dopaxe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/11/2023

Ampliar a formación tanto do alumnado como dos titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte respecto dun dos piares do rendemento deportivo, como é a nutrición, é o obxectivo central do curso que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “O educador físico deportivo non ten que prescribir pautas nutricionais, pero si ten que coñecer o peso que ten unha alimentación correcta, tanto desde o punto do vista da saúde, como do rendemento no deporte”, salienta o decano, Óscar García, da importancia que para estes profesionais pode ter esta “formación complementaria, porque unha alimentación inadecuada podería ter un efecto no exercicio que prescribimos”. De feito, lembra, este curso promóvese por segundo ano consecutivo, da man do Decanato e a Delegación de Estudantes, a raíz dunha demanda do propio alumnado, abríndose nesta edición tamén a egresados e egresadas.

Con máis de 60 inscritos e inscritas, esta formación arrancou na mañá deste venres cunha primeira sesión centrada na bases da nutrición de deportistas, a cargo do catedrático de Endrocrinoloxía da UVigo Federico Mallo e o nutricionista Manuel Portela. As bases fisiolóxicas da nutrición, o funcionamento do metabolismo e os procesos de dixestión e absorción de nutrientes foron algunhas das cuestións abordadas por Mallo, mentres que Portela buscou tamén amosar os asistentes “as diferencias entre alimentos e produtos” e a función dos diferentes nutrientes, así como inicialos na “elaboración e estruturación de menús”. Nun curso dirixido tanto a afondar no efecto da alimentación no rendemento de deportistas de elite, como na súa importancia para a práctica de actividade física en xeral, os expertos incidiron tamén en que se ben “a alimentación ten uns principios xerais para todo o mundo”, como sinala Mallo, no caso do deporte profesional é preciso ter en conta tamén as “esixencias, o tipo de exercicio ou a duración dos períodos de preparación e competición”, que poden dar lugar a pautas específicas.

Xa pola tarde, a actividade continúa cunha sesión centrada na influencia da nutrición no rendemento e na saúde, impartida polo licenciado en Educación Física e en Medicina e Cirurxía Ricardo Vázquez. A vindeira semana, o venres 17, o curso porá o foco nas aplicacións prácticas de pautas nutricionais básicas para deportistas, da man de Mallo e Portela. Por último, esta formación pecharase o 24 de novembro cunha xornada a cargo do tamén licenciado en Medicina e Cirurxía Diego Fernández, centrada, como explica García, nas denominadas “axudas ergoxenéticas”, o uso de complementos nutricionais, así como nos efectos das substancias dopantes e as consecuencias que poden ter para a saúde.