DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente Vila Sobrino impartirá as 10 horas lectivas

Un curso achega as vantaxes do sistema operativo Linux ao persoal docente

O prazo de matrícula remata o día 1 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 24/03/2010

Linux é un sistema operativo libre que outorga ao usuario a posibilidade de usar o programa, estudar como funciona, modificalo, distribuír copias do mesmo e melloralo. Con todo, aínda hai moito descoñecemento sobre o mesmo e son moitos os usuarios habituais de Windows que non saben que Linux ofrece as mesmas funcionalidades, é igual de doado en canto ao seu manexo e non custa nada. Co obxectivo de achegarlle ao persoal docente da Universidade de Vigo as vantaxes deste sistema operativo a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza o curso Linux na docencia universitaria que se desenvolverá durante os días 8 a 22 de abril.
Xosé Antón Vila Sobrino, profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Escola Superior de Enxeñaría Informática, vai ser o encargado de impartir a docencia do curso. A súa principal finalidade vai ser a de explicarlles aos asistentes as vantaxes de usar Linux nos seus traballos co ordenador. “O que quero transmitirlles aos docentes é a facilidade que teñen para pasarse a Linux xa que se instala como un programa máis de Windows. A partires de aí afondarei nalgunhas nocións básicas para traballar con este programa, dende abrir arquivos e crear carpetas ata o procesador de textos ou o programa de gráficos. Se están acostumados a traballar co Windows non van ter ningún problema en adaptarse ao novo programa coa vantaxe de que é un servizo gratuíto”, declara.

Prácticas guiadas en 10 horas de curso

O curso consta de 10 horas lectivas nas que poderán participar 20 persoas nunha oferta de prazas que se irá cubrindo por orde de inscrición. En canto ao programa Vila Sobrino explica que a metodoloxía a seguir “vai ser a de prácticas guiadas” apoiadas por un soporte teórico no que se abordarán temas que van dende a introdución ao Linux e a súa instalación, ata o sistema de arquivos, a administración do sistema e as utilidades do programa (compresión de arquivos, copias de seguridade, mensaxería instantánea e multimedia).O prazo de matrícula remata o 1 de abril.