DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza o vindeiro día 8 e xa están todas as prazas cubertas

Un curso sobre actividade física para embarazadas abre a oferta de Extensión en setembro

As actividades expresivas e artísticas e a fiscalidade das fundacións, outras propostas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 04/09/2009

Os cursos de Extensión volven ao campus pontevedrés despois da paréntese vacacional do mes de agosto e fano con propostas para profesionais do ámbito da xinecoloxía e obstetricia, para interesados nas actividades artísticas e para aqueles outros que busquen unha visión práctica da xestión das fundacións. Será o curso Actividade física durante o embarazo e postparto, con inicio o vindeiro 8 de setembro, o que inaugurará a nova xeira de actividades este mes.
Durante as trinta horas de duración do curso os participantes coñecerán os aspectos básicos do período do embarazo, parto e postparto e aprenderán a distinguir os diferentes tipos de actividades físicas axeitadas para estas etapas. As 35 prazas que se ofertaban xa están cubertas porque, segundo explica a directora do curso, Cristina López, "non existe moita formación neste ámbito e esta actividade achega unha visión interdisciplinar sobre o tema". Ademais, o programa está integrado por matronas, fisioterapeutas ou antropólogas o que fai que "sexa de especial interese para o alumnado das titulacións en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Enfermaría e Fisioterapia.
En boa parte, o curso descansa na filosofía de "naturalizar o parto" e, deste xeito, entronca co Plan Estratéxico de Atención ao Parto Normal do Goberno, ao tempo que propón estender o exhaustivo seguimento que a sanidade pública realiza nas etapas previas e durante o parto ao período posterior, "no que tamén hai problemáticas e patoloxías que requiren asistencia", explica López.
A primeira sesión do curso terá lugar o día 8 cunha presentación da dinámica por parte da directora do curso. A continuación, a antropóloga Ana Filgueiras ofrecerá un relatorio sobre o legado cultural da maternidade en Galicia e a enfermeira Sofía González achegará os aspectos anatómico-fisiolóxicos da muller durante o embarazo, parto e postparto. O día pecharao a fisioterapeuta especializada en obstetricia, Sara Veira, que descubrirá aos participantes as modificacións máis importantes causadas polo embarazo relativas ao exercicio físico.
Na xornada do mércores, Aida Soraluce e maila directora do curso encargaranse de analizar os criterios a ter en contra na elaboración dun programa de actividade física para embarazadas. Soraluce volverá o último día do obradoiro para dar a coñecer os beneficios do medio acuático para o embarazo. Ao día seguinte as expertas Viviana Rosalía e Virginia Serrano achegarán os beneficios do ioga e o pilates, respectivamente, para esta etapa.

O corpo, fonte de sabedoría

O corpo, a creatividade que a través del expresamos e a vivencia de experiencias artísticas que permite será o protagonista do vindeiro curso de Extensión, que comezará o 15 de setembro. O baile e a arte irán da man no curso Máis aló da danza contemporánea, que se celebrará do 16 ao 18 de setembro, e achegará a historia da arte por medio dos períodos clave da historia da danza entre os séculos XVIII e XXI. O custo desta actividade é de 30 euros. A oferta de cursos de Extensión para o campus de Pontevedra rematará cun obradoiro de Fiscalidade e contabilidade das entidades non lucrativas, que facilitará unha visión práctica da xestión das fundacións, completando especialmente a formación dos alumnos das tres titulacións impartidas en Ciencias Sociais e da Comunicación. O curso, que dispón de 35 prazas, será convalidado con dous créditos de libre elección e o seu custo é de 100 euros.

Formalización da matrícula

Para aqueles cursos que aínda contan con prazas dispoñibles, os interesados en participar neles deberán encher a inscrición facilitada no rexistro auxiliar da EUT Forestal, na Casa das Campás ou na web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e formalizala no rexistro. Canda o impreso, deberá entregarse o xustificante de pagamento. No caso dos bolseiros da Universidade, contarán cun 50% de desconto sobre as taxas. Será do 25% no caso do resto dos membros da comunidade universitaria.