DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese desde este luns e ata o 12 de setembro

Un curso afonda na valorización dos recursos patrimoniais de Ourense

A formación mestura docencia no campus con visitas a enclaves de interese turístico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 04/09/2023

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu este luns o inicio da celebración do curso Recursos patrimoniais na provincia de Ourense: novos desafíos. Coordinada polos profesores do centro Alberto Vaquero e Montserrat Cruz, a formación quere afondar na valorización dos recursos patrimoniais da contorna tanto desde unha óptica académica como aplicada. A formación desenvolverase ata o día 12 de setembro e mestura docencia no campus con visitas a enclaves de interese turístico da provincia.

A iniciativa forma parte da programación de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que este ano se celebran no campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense e nela están matriculadas 17 persoas de perfil diverso, tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela. Segundo indican desde a organización do curso, “Ourense é unha das provincias con maior importancia do seu patrimonio. Porén, compróbase que a súa utilización como elemento dinamizador é moi mellorable”. A “importante riqueza patrimonial”, subliñan, “debe organizarse co gallo de darlle valor para poder aproveitar o seu potencial”. Neste contexto, o obxectivo da formación que este luns arrancou no campus é “sinalar aqueles elementos que deben ser tidos en conta para mellorar a explotación racional dos nosos recursos, para que o patrimonio sexa unha ferramenta xeradora de riqueza, especialmente no eido rural, que é precisamente onde se pode atopar a maior parte e calidade do noso patrimonio”.

Sete días de actividade

A programación arrancou cunha inauguración na que participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; os organizadores do curso, Alberto Vaquero e Montserrat Cruz, esta última tamén decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Julio Vila, en representación do Colexio de Economistas de Ourense, que colabora na iniciativa. No acto subliñouse o papel destacado que o patrimonio ten “para o desenvolvemento económico e social da provincia de Ourense” a través do turismo. Igualmente sinalouse a pertinencia de abordar a súa valorización desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, onde se imparte o Grao de Turismo, e tendo en conta que a UVigo está situada entre 300 mellores universidades do mundo no eido da investigación en Xestión Turística segundo o Academic Ranking of World Universities (ARWU) 2023, máis coñecido como ránking de Shanghai.

Ao longo dos sete días de programación, o curso Recursos patrimoniais na provincia de Ourense: novos desafíos contará con conferencias sobre o potencial turístico da provincia de Ourense e que se pode facer desde a perspectiva pública; a súa riqueza patrimonial desde un punto de vista histórico; o papel dos museos para o coñecemento e difusión destes recursos; o patrimonio de Celanova; os proxectos europeo Keep On e CRiMA (Inorde) e o bosque de Ridimoas. A actividade complementarase con visitas a Celanova, a Beade, a Ribadavia e a Allariz.