DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por GULO e impartido por José E. Marchesi, un dos fundadores de GNU España

Un curso afondará, ao longo da semana, nas funcións da ferramenta Emacs para o seu dominio definitivo

O "gurú" do software libre, Richard Stallman, ofrecerá un relatorio o mércores, tamén da man de GULO

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 27/04/2009

O software libre comeza a comerlle terreo ao software privativo. Multitude de programas permiten realizar as mesmas funcións que os que estamos acostumados a empregar e a maiores podemos modificalos e adaptalos ás nosas necesidades sen ter que pagar prezos excesivos nin caer na ilegalidade. Este é o caso do Emacs, “unha especie de editor de textos moi interesante e que da moito xogo”, comentou José E. Marchesi, o docente que ao longo desta semana impartirá o Curso definitivo de Emacs no Edificio Politécnico, agás o venres que será no local de asociacións, en horario de 9 a 14 e de 16 a 20 horas. Esta ferramenta, moi coñecida nalgúns ámbitos, pode empregarse “para editar texto, ler o correo, navegar pola web, facer presentacións, escribir software e incluso xogar”. Debido ás súas múltiples funcións “a súa curva de aprendizaxe é elevada, pero paga a pena xa que é un programa moi potente”.
Durante esta semana os participantes do curso, organizado por GULO e colaboración con GNU España, poderán afondar nos contidos e funcións desta ferramenta guiados por Marchesi, un dos fundadores de GNU España e dos creadores de varias aplicacións libres como GNU Ferret ou GNU Ghostscript.
O curso comezou facendo un pouco de historia sobre tecnoloxía de edición de texto e tipos de editores, para pasar a falar doutros temas máis concretos como a configuración e instalación de GNU Emacs, como obter o código fonte ou algúns tópicos básicos. Marchesi tamén afondará ao longo das xornadas noutras funcións da ferramenta como chatear, leer mails e noticias, traballar con arquivos remotos ou empregar o calendario e a axenda.

Software libre versus software privativo

Richard Mattew Stallman é un dos nomes propios de referencia se falamos de Software Libre. Fundador, ademais, do proxecto GNU e da FSF (Free Software Foundation), este gurú da tecnoloxía visitará o mércores 29 a cidade para ofrecer o relatorio Software libre o software subyugante. ¿Quién tiene el control de tu computador?
Na súa conferencia, que terá lugar no Ateneo de Ourense ás 20.30 horas, Stallman tratará diversos temas, entre eles a situación actual do mercado mundial da informática, diferenciando claramente entre o software libre e o software privativo. Este último, segundo explica Juan Antonio Añel, membro de GULO e un dos organizadores, “está moi establecido dende a década dos 80 e caracterízase porque non pode ser compartido, está limitado xa que o seu código non é público e, polo tanto, non permite a adaptación ás necesidades dos consumidores”.
As multinacionais de software impoñen restritivas licenzas aos seus produtos, de xeito que o emprego dun programa por máis dunha persoa “representa en moitos casos unha violación da licenza e unha ilegalidade”. O software privativo limita ao usuario e négalle os seus dereitos; facendo unha comparación, Añel estableceu que é como “se mercas un vehículo e non che permiten prestalo, levar a máis pasaxeiros e non che deixan elixir a cor”. O software libre, polo contrario “é ético na súa concepción e forma”, permite ao usuario o seu uso, modificación e redistribución, ao igual que sucede con calquera outro produto máis común. Estes son algúns dos puntos, segundo adiantou Añel, nos que se centrará o relatorio de Stallman, facendo especial fincapé na liberdade que supón este tipo de software e nas limitacións do mercado informático actual.