DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso amosará ao profesorado como aplicar Linux na docencia universitaria

O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 29 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E. L. Castro DUVI 10/03/2010
Linux é un sistema operativo con dúas características que o diferencian do resto de sistemas que se poden atopar no mercado: é libre, o que significa que non hai que pagar licenzas para usalo, e vén acompañado do código fonte, o que permite a súa modificación e mellora continua. Explicar a usuarios habituais de Windows que Linux ofrece as mesmas funcionalidades, ten un manexo igual de doado e enriba non custa nada é o obxectivo prioritario do curso Linux na docencia universitaria, unha actividade formativa da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, dirixida principalmente ao profesorado da Universidade de Vigo. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de marzo e as clases impartiranse a comezos do mes de maio.

Unha alternativa posible desde os noventa

Linux constitúe unha alternativa aos sistemas operativos comerciais desde principios dos noventa. A idea partiu de Linus Torvalds, un enxeñeiro finés que confeccionou o seu núcleo, coñecido como Kermel, e que segue coordinando o seu desenvolmemento. Desde entón, distintos programadores e deseñadores de todo o mundo contribuíron a mellorar o sistema e a crear máis programas e aplicacións para el cada vez cunha calidade maior, equiparándoo aos demais sistemas operativos. Distribúese baixo a General Public License e, polo tanto, o código fonte ten que estar sempre accesible. É un dos exemplos máis prominente do software libre, que outorga a liberdade de usar os programas, a liberdade de estudar como funcionan e modificalos, a liberdade de distribuír copias e a liberdade de melloralos.
Co número de usuarios en aumento e coa difusión na rede de foros e grupos de "linuseros", a súa popularización entre a comunidade universitaria aínda é baixa. Dalo a coñecer e ensinar a usalo é a esencia deste curso, que empregará como metodoloxía de traballo fundamentalmente a elaboración de prácticas guiadas. Para que isto sexa posible e que os asistentes poidan avanzar de xeito individual, todo o material do curso estará permanentemente dispoñible na web.
O programa do curso realiza unha panorámica xeral arredor do Linux, desde a súa instalación, ata a configuración da súa contorna, a xestión de arquivos, a administración do sistema (usuarios, rede, periféricos, xestión de paquetes...) ou realización de copias.

Matrícula a través de Bubela

O curso celebrarase entre o 3 e o 10 de maio e estará impartido polo profesor Xosé Antón Vila Sobrino. O período de matrícula iniciouse o pasado 4 de marzo e permanecerá aberto ata o día 29, podéndose formalizar a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. Ofertase un máximo de 20 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Os interesados nesta acción formativa poden solicitar máis información no enderezo de correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es ou no teléfono 986813596.