DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 4 de xullo, restan os últimos días para inscribirse

Un curso amosará como avaliar nas aulas as competencias transversais do alumnado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 29/06/2010

Con practicamente todas as titulacións da Universidade adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior os docentes teñen o reto de formar titulados cun maior dominio de certas competencias transversais, que se consideran imprescindibles para o seu exercicio profesional futuro. A comunicación oral e escrita, o traballo en grupo, a aprendizaxe autónoma e o liderado son algunhas desas habilidades. Debater cales máis habería que incluír e saber como se poden desenvolver e avaliar no ensino universitario é o obxectivo do curso Avaliación de competencias transversais, organizado pola antiga Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa dentro do seu programa de formación permanente de profesorado.

Obradoiro práctico

O curso está dirixido a todos os docentes da Universidade e formularase como un obradoiro práctico. Pretende establecer un debate colectivo e presentar exemplos e recursos web para, como se recolle no seu título, dar resposta á principal pregunta que se fan os docentes ante este novo desafío: como poñerlle unha nota a un alumno que reflicta a súa capacidade de traballo en equipo? Neste sentido, achegaranse criterios e ferramentas para resolver esta tarefa de xeito eficiente. Alén das cuestións sobre a avaliación abordaranse aspectos relacionados cos obxectivos específicos e os métodos axeitados para o desenvolvemento das competencias transversais. Segundo o programa da actividade, ao finalizar o taller os participantes estarán en condicións de deseñar criterios de calidade en formato de rúbrica para avaliar produtos relacionados coas competencias transversais, formular actividades para que os estudantes acaden competencias neste eido e empregar o e-portfolio como principal ferramenta de avaliación.

O obradoiro terá lugar o vindeiro 6 de xullo en horario de 15.00 a 19.00 horas na Aula T3 da Facultade de Belas Artes e será impartido polo profesor Miquel Valero García.

Inscrición a través de Bubela

Ofértanse en total 50 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. O período de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de xullo e pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. A asistencia a esta actividade formativa será certificada pola Universidade de Vigo só a aquelas persoas que asistan á sesión completa.