DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus organiza un curso de verán en Catoira a partires do 29 de xullo

Un curso analiza o papel da familia e da escola na hiperactividade infantil e adolescente

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 12/07/2013

Estudar a hiperactividade infantil dende a perspectiva dos propios afectados, os seus familiares e os propios educadores é o obxectivo do curso de verán que organiza a Vicerreitoría do campus no Edificio Multiusos de Catoira entre o 29 e o 31 de xullo e 1 e 2 de agosto. Manuel Isorna dirixe unhas xornadas formativas que, baixo o título Avances no estudo da hiperactividade: avaliación, diagnose e tratamento, centrarán o seus esforzos en achegarlles aos participantes os problemas e limitacións que trae consigo este trastorno para os propios rapaces e rapazas ao tempo que se lle presta especial atención ás repercusións que a hiperactividade pode ter sobre as familias, propoñéndolles métodos e tácticas eficaces para axudar aos pais e nais a modular os problemas de conduta dos seus fillos e fillas no fogar.

Segundo salienta o director do curso, estas xornadas “céntranse en boa medida na imprescindible e necesaria colaboración entre a familia e a escola”. Os nenos e nenas hiperactivos son inquedos, cambian continuamente de actividade, teñen dificultades para manter a atención e concentrarse nas súas tarefas “polo que tamén adoitan ter problemas de rendemento académico”, sostén o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra. Nalgúns casos, estes problemas derivan “en dificultades escolares, de adaptación social e da aprendizaxe dunhas normas de comportamento axeitadas”.

A maiores, o programa destas xornadas formativas tamén lles proporá aos asistentes que estuden con detemento o labor do profesorado. Estes profesionais do ensino botan man das adaptacións curriculares recomendadas para estes casos e propoñen ou elaboran, en moitos casos eles mesmos, un protocolo de actuación específico no que se inclúen obradoiros de formación sobre este trastorno e a aplicación na aula de iniciativas de conduta eficaces.

O papel da industria farmacéutica a estudo

“A hiperactividade é un problema moi importante dentro do eido dos trastornos de conduta nos nenos e nos adolescentes xa que é un dos trastornos psicolóxicos en idade escolar que máis problemas de adaptación xera”, salienta Manuel Isorna. Ademais, este é un “asunto complexo” sobre o que existen múltiples discrepancias entre os distintos autores sobre todo no que atinxe á diagnose o ao tratamento a seguir. “En moitos casos a hiperactividade aparece como unha creación da BigPharma ou grandes industrias farmacéuticas que a base de pagar proxectos de investigación a neuropediatras acaban descubrindo patoloxías novas como é o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH)”.

Tal e como adianta o director do curso, ao longo destes cinco días Catoira será o lugar no que expertos de todo o estado debatan entre outros asuntos sobre a influencia da BigPharma dende unha perspectiva crítica. Neste sentido, o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte salienta o gran número de rapaces e rapazas que a día de hoxe teñen diagnosticado este trastorno sen realmente padecelo e que rapidamente son sometidos a diversos tratamentos farmacolóxicos. “Ninguén pode negar a existencia de nenos hiperactivos e con trastornos de atención pero o realmente preocupante é que cada ano as estadísticas vaian medrando. Deste xeito, “observamos e criticamos como moitos pais e nais recorren a unha medicación que produce mellorías durante meses ou anos pero da que ningunha persoa se puxo a pensar nas repercusións que estes medicamentos poden causar no cerebro dos rapaces e rapazas”. Isorna refírese a unhas pítulas bioquimicamente similares ao éxtase que se lles subministra nas discotecas ao máis novos e que “todos consideramos un problema de saúde pública”.