DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola asociación Forética, a Universidade de Vigo e Caixanova

Un curso analizará os avances e futuras liñas da Responsabilidade Social Empresarial

Desenvolverase entre os días 12 e 16 de xullo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/06/2010

A Responsabilidade Social Empresarial é unha ferramenta moi útil para que as entidades se adapten e preparen para afrontar os desafíos que marcan as novas regras do mercado. Para afondar nas futuras liñas de traballo neste campo o Centro Social Caixanova acollerá entre os días 12 e 16 de xullo un curso organizado por Forética en colaboración coa Universidade de Vigo e Caixanova. Forética é a asociación de empresas e profesionais da RSE líder en España e ten como misión fomentar a cultura da xestión ética e a responsabilidade social dotando ás organizacións de coñecemento e ferramentas útiles para desenvolver con éxito un modelo de negocio competitivo e sostible.

Rocío Rodríguez, profesora de Organización de empresas e márketing é a secretaria xeral e explica que a RSE é unha nova forma de xestión que proporciona ferramentas para afrontar os novos desafíos do mercado, como son o avellentamento da poboación, a xestión da diversidade, o cambio climático, e esixencia de maior transparencia ou o diálogo cos grupos de interese. A profesora define a RSE como “a integración voluntaria por parte das empresas, das preocupacións, sociais e medioambientais nas súas operacións comerciais e nas relacións cos seus interlocutores”.Estas novas tendencias marcarán a vindeira década para o mercado e as empresas deben estar preparadas para poder responder adecuadamente e adaptarse a estes novos escenario. As empresas cando incorporan a RSE na súa estratexia diferéncianse dos seus competidores, sendo algo valorado polos consumidores, clientes...”, apunta Rodríguez. Por este motivo, a sexta edición deste curso proporcionará coñecementos sobre as novas liñas ao longo das cinco xornadas de duración con máis de 40 ponentes e co patrocinio de Adif, MSD, Novartis, Renfe, Sanitas y Zeltia

Contidos do curso

O obxectivo deste curso é ofrecer unha visión estratéxica e as futuras liñas de desenvolvemento dos retos de responsabilidade social máis importantes do escenario nacional e internacional e está dirixido tanto a empresarios como a estudantes de terceiro ciclo, mestrados ou últimos cursos das titulacións. Tras unha introdución sobre os principais retos e tendencias da Responsabilidade Social, as sesións estarán dedicadas a debullar a evolución e as ferramentas de xestión RSE agrupadas baixo catro grandes áreas temáticas: Medio Ambiente, Relación coa Comunidade, Responsabilidade e Mercado, e Responsabilidade Interna. As clases de expertos nacionais e internacionais intercalaranse con mesas de debate con exposición de mellores prácticas empresariais, así como obradoiros prácticos para os alumnos do curso. O prazo de matrícula remata este venres 2 de xullo.

Programa do curso (2.02 Mb)