DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso da Aula Tecnolóxica pon ao alcance de todos as destrezas básicas da ofimática de software libre

Baixo o título "OpenOffice desde cero", a matrícula abrirase o mércores 28

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 27/01/2009

Unha suite ofimática de software libre e código aberto de distribución gratuíta que inclúe procesador de textos, follas de cálculo, presentacións, ferramentas para o debuxo vectorial e base de datos. Así se presenta OpenOffice, a alternativa ao coñecido Microsoft Office que centrará un dos cursos da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, OpenOffice desde cero.
Segundo explica a profesora do curso, Almudena Aparicio, será unha “toma de contacto co OpenOffice sinxela para que os alumnos poidan empregar editores de páxina ou presentacións de programas diferentes aos que preponderan”.
O curso atenderá as particularidades de cada un dos programas deste paquete de ofimática como son o Writer, as follas de cálculo do Calc, o Draw a través do que os alumnos aprenderán a “engadir debuxos sinxelos” ou o Impress, indicado para a realización de presentacións. As últimas horas do curso dedicaranse a coñecer algúns aspectos relacionados co OpenOffice Web, que capacitará aos alumnos para realizar pequenas edicións en web. Un apartado que Aparicio considera especialmente interesante para profesores e alumnos é o OpenOffice Math que lles permitirá crear “cadros e fórmulas” para o que adoitan ter problemas ao “non coñecer a interface, a selección de comandos ou a inserción de subíndices ou superíndices”, explica. En definitiva, nas doce horas de duración do curso o alumno adquirirá as “destrezas básicas” da ofimática con software libre.
Outro dos atractivos de OpenOffice que pode animar a coñecer máis de preto este paquete é a súa compatibilidade con varios sistemas operativos. Está dispoñible para moitas plataformas como Microsoft Windows e sistemas de tipo Linux, Solais ou Mac OS X.

Matrícula aberta a partir do mércores 28

O curso desenvolverase do 2 ao 12 de febreiro os luns, mércores e xoves en horario de 19.00 a 21.00 h. A matrícula pode realizarse a través da Aula de Posgrado Virtual, a partir das 9.00 h do mércores 28 e por iso non se verá afectada pola xornada festiva con motivo de Tomás de Aquino. A oferta ábrese a vinte alumnos e o último día para formalizar a inscrición é o 30 de xaneiro.