DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase en modalidade virtual do 7 ao 19 de marzo

Un curso axudará ao profesorado a tirar partido da realidade aumentada na docencia

O prazo de inscrición está aberto ata o día 28 deste mes

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
M. Del Río DUVI 24/02/2022

As novas tecnoloxías téñense convertido nunha ferramenta esencial para a docencia. Entre elas, a realidade aumentada e virtual teñen un potencial enorme para involucrar o alumnado no proceso de aprendizaxe e para converter este nunha experiencia inmersiva. Para amosar todas estas potencialidades, a Área de Formación e Innovación Educativa, ao abeiro da Escola Aberta de Formación Permanente, organiza un curso introdutorio destinado ao profesorado que se desenvolverá en modalidade virtual.

Este curso insírese dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo para o ano 2022 e ten como finalidade achegar a realidade virtual e a realidade aumentada á aula universitaria, mediante unha aplicación correcta das TIC. Entre ambas tecnoloxías existen certas diferencias xa que, mentres a realidade virtual (RV) é unha contorna xerada a través das tecnoloxías para simular unha realidade, a realidade aumentada é un recurso tecnolóxico que ofrece experiencias interactivas ao alumnado combinando a dimensión virtual e física co emprego de dispositivos dixitais.

O curso, de 10 horas de duración, terá lugar entre os días 7 e 19 de marzo e o prazo de inscrición está aberto ata o próximo luns 28 de febreiro. A docencia desenvolverase a través da plataforma Moovi, con excepción dunha primeira xornada de presentación, o día 7, que será a través do Campus Remoto. Os encargados da formación serán Raúl Santiago Campión e José Julián Prieto. O primeiro é doutor en Ciencias da Educación pola Universidade de Navarra e profesor titular da área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja. Ten escrito e colaborado en libros como The Flipped Classroom: como converter a escola nun lugar de aprendizaxe; Metodoloxías indutivas: O desafío de ensinar mediante o cuestionamento e os retos; Tecnoloxía móbil e innovación en educación: novos retos e realidades na aula; Learning Analytics: A narración da aprendizaxe a través dos datos ou The flipped Classroom: 33 experiencias que poñen patas para arriba a aprendizaxe. José Julián  Prieto é licenciado en Historia pola Universidade de Navarra e docente da ESO e Bacharelato no Colexio Santa Teresa de Pamplona e profesor axudante do Centro de Tecnoloxía Informática (CTI) da Universidade de Navarra. Ten unha ampla experiencia de máis de 60 horas de formación sobre Flipped Learning, aprendizaxe cooperativo, popcast, competencia dixital docente, realidade virtual e aumentada e avaliación e tamén participou nos libros Flipped Clasrrom 33 experiencias que ponen patas arriba el aprendizaje e Aprender al revés: Flipped Learning 3.0 y metodologías activas en el aula, ambos de Raúl Santiago.

Ensinar a través da realidade aumentada e virtual

A finalidade deste curso é que o profesorado poida coñecer a realidade aumentada e a realidade virtual e descubrir como estas ferramentas poden ser fonte de motivación e enriquecemento dos recursos para a aprendizaxe, tanto dentro como fóra da aula. Así, proporcionaranse recursos ao profesorado para crear realidade virtual baseada en fotos 360º; dotar de interactividade os materiais de aula por medio da realidade aumentada; orientar e avaliar ao alumnado como creador de contido e fomentar o seu uso mediante dinámicas e propostas prácticas.