DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 22 ao 26 de xuño na Facultade de Ciencias

Un curso de cata ensinará a recoñecer as calidades visuais, aromáticas e gustativas de viños e licores

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 19/06/2009
Aprender a recoñecer as calidades visuais, aromáticas e gustativas dos viños e coñecer as características propias dos caldos brancos e tintos das denominacións de orixe de Galicia. Ese é o obxectivo do curso de verán Cata de viños, augardentes e licores que dará comezo o próximo luns.
Este seminario, que leva realizándose dende o ano 2000, desenvolverase na Facultade de Ciencias dende o 22 ao 26 de xuño. O que se pretende con este curso, segundo explica unhas das súas directoras, Esperanza Fernández, “é que os alumnos que asistan aprendan a recoñecer as calidades do viño e a descubrir algún defecto”. Tamén se explicarán nocións básicas de cata de caldos brancos, tintos, doces, augardentes e licores. Ademais, en cada unha das sesións prácticas dedicarase un pequeno apartado ás maridaxes, “para coñecer que alimentos van mellor para cada viño”. Os caldos que se catarán no curso proceden principalmente das denominacións de orixe galegas, pero tamén se ensinará a recoñecer viños doutras zonas vitícolas.
Este é un curso de moita tradición, “a matrícula cóbrese enseguida, así que todos os anos nos quedan alumnos pendentes e por iso repetimos no curso seguinte”, comenta con orgullo Fernández. Sen dúbida, parte do éxito deste seminario radica en que “a enoloxía é unha parte moi importante da nosa economía, só na nosa provincia contamos con catro denominacións, por iso é un tema que interesa tanto”.

Brancos, tintos, doces, augardentes e licores

Unha cata consiste en apreciar os aspectos que definen a calidade dun viño e poder descubrir posibles defectos. O color, os aromas, a apreciación en boca ou a textura son algunhas das características que aprenderán a recoñecer os participantes neste seminario. Dividido en cinco sesións, haberá tempo para todos os caldos: brancos, tintos, doces, augardentes e licores.
A primeira xornada, de introdución á materia, comezará co relatorio de Xosé Carballido, do Servizo de Infraestruturas Agrarias, que falará dunha nova viticultura para os viños de calidade. Tras el, Sandra María Cortés, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, impartirá dúas sesións de iniciación á cata e recoñecemento de sabores e aromas básicos. O martes será a quenda de Mar Vilanova, da Misión Biolóxica de Galicia, que introducirá aos participantes na elaboración e cata dos viños brancos. O mércores será o momento do tintos, da man de Alfonso Quiroga, da EVEGA, que ademais falará da maridaxe destes caldos con queixos galegos.
A penúltima sesión estará dedicada a uns viños de natureza e procedencia distinta aos anteriores, os doces. Será Manuel Castro, da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, o que se encargue de falar da súa elaboración e características. Moscatel, Oporto, Tokai, Jerez, Tostado Ribeiro e Sauternes son os caldos que se poderán degustar nesta sesión.
Por último, o venres 26, Sandra María Cortés retornará para falar, nesta ocasión, das particularidades dos augardentes e licores tradicionais galegos.