DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Peche de exercicio co novo Plan Xeral de Contabilidade" será impartido por profesores do campus

Un curso complementario achega o novo Plan Xeral de Contabilidade a estudantes e profesionais do sector

Do 16 ao 19 de decembro no Edifico Xurídico-Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 11/12/2008

O peche de exercicio para a maioría das empresas está a volta da esquina e desta vez será ben diferente porque ten que realizarse co novo Plan Xeral de Contabilidade aprobado este ano. Esta circunstancia supón importantes novidades, non só dende o punto de vista contable senón tamén fiscal, por iso en todos os niveis da práctica, tanto profesional como academicamente, “faise preciso unha revisión dos principais cambios que trae consigo este nova normativa”, indicou Patricio Sánchez, profesor da Universidade de Vigo e un dos organizadores do curso Peche de exercicio co novo Plan Xeral de Contabilidade: novidades contables e fiscais .
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, consciente da necesidade de afondar nos cambios que trae consigo a normativa, decidiu ofertar o curso complementario Peche de exercicio co novo Plan Xeral de Contabilidade: novidades contables e fiscais que se inclúe dentro da programación da súa actividade académica e que se dedicará a abordar os distintos aspectos desta temática. Os seus obxectivos son por unha parte dar a coñecer a normativa actual e preparar aos asistentes de xeito práctico para o peche de exercicio, “xa que este é un dos momentos do ano máis importantes para as empresas”, explicou Sánchez.
O curso, que terá lugar no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial desde o martes 16 ata o venres 19 de decembro en horario de tarde de 16.00 a 21.00 horas, está dirixido a estudantes dos últimos cursos das titulacións ofertadas na facultade que deben facer o esforzo de “poñerse ao día neste cambio normativo que lles vai a ser imprescindible no seu futuro máis inmediato”, afirmou Sánchez. Do mesmo xeito, e dentro da vocación da Universidade de Vigo de servir ao conxunto da sociedade, as xornadas estarán abertas a profesionais do sector, moitos dos cales enfrontaranse por primeira vez na súa carreira a un cambio de plan, xa que “o que funcionaba ata agora era do ano 1991”, lembrou Sánchez.

Contabilidade e fiscalidade

O programa das xornadas contempla tanto una perspectiva propiamente contable como a súa aplicación dende un punto de vista fiscal que facilite ao alumnado asistente comprender a vinculación entre ambos aspectos. O curso, que se poderá validar por un crédito de libre elección, comezará cun repaso ás principais novidades do plan, despois centrarase no peche do exercicio, a continuación terá lugar unha parte práctica e rematarácoa materia fiscal.
Os encargados de impartir o curso serán os propios profesores do campus pertencentes ás áreas implicadas na materia contable e fiscal que son o departamento de Economía Financeira e Contabilidade e o de Economía Aplicada.