DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Fisioterapia acollerá en marzo un curso sobre o seu uso no mundo do deporte

Un curso para coñecer como unha vendaxe pode previr lesións

A preinscrición nesta actividade pode realizarse a través da plataforma Bubela

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 24/02/2014

Unhas tiras de esparadrapo, nas mans dun ou dunha fisioterapeuta formado no campo das vendaxes funcionais, poden resultar unha ferramenta moi útil para previr ou tratar lesións no ámbito deportivo. De feito, é a propia demanda do alumnado da Facultade de Fisioterapia dunha formación específica neste ámbito o que motiva a celebración do sétimo Curso de Vendaxes Funcionais no Deporte, que se levará a cabo no mes de marzo neste centro do campus de Pontevedra. O profesor desta facultade Gustavo Rodríguez Fuentes, é o director dunha actividade formativa para a que permanece aberto período de preinscrición na plataforma Bubela e á que se sumará no mes de xullo o XIII Curso de Vendaxes Neuromsuculares (Kinesiotaping).

Partindo sempre da mesma idea, a de limitar a mobilidade dunha articulación, as vendaxes funcionais “teñen dúas grandes funcións, unha terapéutica e outra preventiva”, explica Rodríguez. Por unha banda, a súa aplicación permite limitar a mobilidade dunha articulación, o que contribúe a evitar que se agrave unha determinada lesión muscular e axuda, así mesmo, a retomar antes unha determinada actividade física. Mais o certo é que en ámbitos coma o deporte, este tipo de técnicas son empregadas non só para curar, senón tamén para previr. “Vemos moitos xogadores que vendan os nocellos, o pulso, os dedos ou os ombreiros para que a vendaxe absorba parte das forzas de presión ou tracción que reciben estas articulacións no transcurso da práctica deportiva e con iso evitar que toda esa forza incida directamente nos tecidos que terían que soportala”, explica este profesor. De feito, a pesares de limitar o movemento dunha determinada articulación, as vendaxes funcionais permiten continuar coa práctica deportiva, o que fai que neste mundo “sempre fosen moi demandadas”, recoñece Rodríguez Fuentes. “Hai moitas articulacións que en determinados deportes deben protexerse para evitar unha lesión e esa protección consiste en limitar o seu grao de movemento, cando, por outra banda, tampouco é necesaria a total mobilidade desa articulación”, relata este profesor. De aí que a aplicación deste tipo de técnicas non se limite á fase posterior a unha lesión, senón que tamén resulten moi útiles, por exemplo, cando o afectado reinicia a súa actividade, xa que lle permiten “poder comezar a adestrar antes e evitar unha perda maior de condición física”, así como para “facer máis segura a súa volta a competición”.

Os principais fundamentos destas vendaxes funcionais e a súa aplicación no mundo do deporte serán pois os puntos centrais do curso que se desenvolverá o 14 e o 15 de marzo na facultade pontevedresa e que impartirá o fisioterapeuta Gustavo Patiño. Segundo explica o director desta actividade formativa, cuxo prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 13 de marzo, o curso está exclusivamente dirixido a titulados e estudantes de Fisioterapia, aos que se trata de proporcionar “unha formación especializada de carácter práctico”. De feito, foi a raíz “do propio interese do alumnado” polo que se puxo en marcha unha actividade que comezou no ano 2010 e que o vindeiro mes chegará á súa sétima edición.

Vendaxes neuromusculares

Tamén permanece aberto na plataforma Bubela, aínda que neste caso ata o mes de xullo, o prazo de preinscrición noutra das actvidades formativas que Rodríguez promove neste mesmo ámbito, o XIII Curso de Vendaxes Neuromusculares (Kinesiotaping), que se vai desenvolver no mes de xullo no centro pontevedrés. Neste caso, trátase tamén dunha actividade dirixida exclusivamente a titulados ou estudantes de Fisioterapia, centrada en amosar o uso e as propiedades das “vendas de cores”, popularmente vinculadas ao mundo do deporte. Non obstante, como sinala o director deste curso, este tipo de vendaxes son tamén empregadas “noutros ámbitos onde se traballe con problemas musculares, de ligamentos, de corrección articular ou circulatorios” e nos que tamén se deterá un curso que será impartido por José Manuel Fernández, profesor da Universidad de Castilla-La Mancha. “Trátase dun tipo determinado de venda adhesiva elástica, que, de partida, permite unha mellora da función muscular e que, basicamente, mellora a circulación da zona, diminúe a dor percibida e actúa sobre a ton muscular”, engade Rodríguez, que fai énfase na progresiva implantación deste tipo de vendaxes no mundo deportivo. Non obstante, o kinesiotaping non limita a mobilidade da zona na que se aplica, a diferenza dos tradicionais vendaxes funcionais con esparadrapo, “que seguen sendo necesarios no mundo do deporte”, conclúe o director do curso.