DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co período de matrícula aberto ata o vindeiro 30 de setembro

O curso de conversa en alemán, novidade do Centro de Linguas para este cuadrimestre

Dezaseis cursos máis completan a oferta do campus de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 23/09/2008

Complementar os estudos coa aprendizaxe de idiomas estranxeiros é unha opción moi habitual entre os universitarios e, para isto, o Centro de Linguas pon á súa disposición unha ampla oferta para todos os gustos. No tocante ao campus de Vigo, o curso de conversa en alemán, cunha duración de 20 horas, é a novidade para este primeiro cuadrimestre. O feito de ser unha aposta arriscada fai que “polo de agora a matrícula está sendo moi discreta”, tal como explica Alfonso Rodríguez, administrativo do Centro de Linguas, que engade que “de todos os xeitos, as expectativas son boas”.
Outra das diferenzas con respecto a anos anteriores reside na impartición no primeiro cuadrimestre do curso de preparación para o DELE, un exame que acredita os coñecementos de español como segundo idioma. Para isto existen tres niveis: o inicial, que acredita a competencia lingüística suficiente para comprender e reaccionar adecuadamente ante situacións habituais da vida cotiá; o intermedio, que se refire a accións correntes da vida diaria, e o superior, centrado nun grao maior de coñecemento da lingua. Co prazo de inscrición aberto ata o vindeiro 30 de setembro, “as cifras de matrícula son, en moitos casos, mellores que as do curso pasado”, segundo palabras de Rodríguez, que destaca que “de momento, en inglés xa temos 74 alumnos e esperamos superar os 100”. Outro dos cursos con maior demanda é o de español para estranxeiros, dirixido a estudantes Erasmus, que “habitualmente conta cunha media de 250 persoas matriculadas”, comenta o administrativo. Mentres, no extremo contrario sitúanse o xaponés e o portugués, que xunto con árabe e chinés, son as apostas máis exóticas da Universidade. Para todos eles a data fixada para o inicio da docencia é o vindeiro 6 de outubro.

16 cursos máis para completar a oferta do campus vigués

Idiomas tan exóticos como o chinés, o ruso, o xaponés ou o árabe forman parte da oferta que o Centro de Linguas propón para o presente curso académica. A eles súmanse linguas máis próximas como o catalán, o portugués ou o español para estranxeiros, dirixido fundamentalmente a estudantes Erasmus. Outra das apostas clásicas son os cursos de inglés, francés, alemán e italiano, aos que se suman os de lingua de signos e preparación para o DELE, completando así o catálogo.

Máis información