DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido polos profesores Gonzalo Caballero e Mª Dolores Garza

Un curso desvelará as claves e retos da nosa economía en tempos de crise

Do 29 de xuño ao 3 de xullo en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 01/06/2009

A crise das “hipotecas subprime” do verán de 2007 nos Estados Unidos acabou dando paso a unha crise financeira e real a nivel mundial que se prolonga ata o día de hoxe. A economía global afronta agora unha depresión de dimensión, natureza e duración descoñecidas. Neste escenario, o debate sobre a política económica recupera unha importancia vital para o benestar da cidadanía, de aquí a organización do seminario A crise económica internacional. Claves e retos para a economía galega, dirixido polos profesores de Economía Aplicada Gonzalo Caballero e Mª Dolores Gil. O curso de verán, organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo, “desenvolve unha temática de máxima actualidade mundial e relaciónaa coas claves da evolución da economía española e galega”, sinala Caballero. Nel participarán profesionais expertos no tema, chegados dende diferente puntos de España.
“O principal obxectivo do curso é proporlle ao alumnado unha adecuada comprensión da actual crise económica internacional, que todo o protagoniza, proporcionándolle análises solventes e diversas da evolución da economía española e un acercamento rigoroso ás claves e retos da economía galega no actual contexto global”, explica Caballero.
O seminario dará comezo o luns 29 de xuño ás 10.00 horas e prolongarase ata ás 13.00 horas do venres 3 de xullo. Trala inauguración o propio Caballero será o encargado de impartir a primeira das conferencias baixo o título Crise económica e gobernanza internacional: un panorama.

Un cadro de expertos e especialistas de primeiro rango

O seminario reúne a un panel de expertos e especialistas de primeira categoría para estudar e analizar o fenómeno mundial máis relevante da actualidade. Pedro Schwartz, Jordi Sevilla, Xosé Manuel Beiras, Ángel Laborda, Antón Costas e Fernando González Laxe, entre outros, daranse cita na cidade olívica para “analizar a actual crise económica mundial e as súas implicación para la economía galega”, sinala Caballero.
As dúas primeiras xornadas do curso centraranse na crise económica internacional. Tralo relatorio de Caballero, un dos principais referentes do pensamento económico liberal, o profesor da Universidad San Pablo-Ceu Pedro Schwartz, analizará a crise económica dende a perspectiva liberal; o ex-ministro de Administracións Públicas e economista do Estado, Jordi Sevilla, abranguerá as propostas socialdemócratas ante a crise; Xosé Manuel Beiras presentará a súa visión da crise dende o nacionalismo galego; o catedrático da Universidade de Vigo, Xosé Carlos Arias, analizará o efecto da crise sobre a política económica e Francisco Cabrillo, presidente do Consejo Económico y Social de Madrid, disertará sobre causas e solucións para a crise económica internacional.
A terceira das xornadas centrarase na situación da economía española, onde intervirán Ángel Laborda, director de Coyuntura de la fundación de Cajas de Ahorro e os catedráticos Esteban Sanromán e Rafael Myro, de Barcelona e Madrid respectivamente.
Nos dous últimos días do curso analizaranse as claves da economía galega ante a crise. Deste xeito, José Luis Pego, director xeral de Caixanova, exporá as relacións entre a crise económica e o sistema financeiro; o profesor Albino Prada presentará a estrutura e estratexia da economía galega ante a crise; mentres que o catedrático de Facenda Pública Xaquín Álvarez, analizará as políticas públicas e a facenda autonómica de Galicia. A situación das empresas galegas ante a crise será abordada nunha mesa redonda por diferentes persoeiros. O ex-presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, exporá as claves da economía galega ante a crise e Antón Costas, da Universidade de Barcelona, analizará as leccións desta situación económica de cara ao futuro.

Unha oferta atractiva para calquera alumno

O curso vai dirixido a alumnos de diplomatura, licenciatura ou de doutoramento de calquera especialidade “que estean interesados en achegarse máis de preto ao que o seu propio título indica, á crise económica internacional e ás claves e retos de Galicia ante esta situación”, sinala Caballero. Do mesmo xeito, o seminario tamén está aberto a “outras persoas que teñan calquera tipo de interese coincidente coa temática do programa”.
Ademais de tratar un tema de máxima actualidade que a todos nos afecta, mediante unha serie de relatorios e exposición, para os alumnos da Universidade de Vigo resultará dobremente satisfactorio. Complementariamente ao programa académico que se oferta, as horas do curso seranlles validadas por dous créditos de libre elección e disporán dun 50% de bonificación na matrícula, que, no mellor dos casos, podería resultarlle gratuíta de concederlle unha das bolsas, con prazo máximo de solicitude este mércores 3 de xuño.

Outros cursos da UMIP na provincia

A Universidad Internacional Menéndez Pelayo organiza para este verán un total de oito cursos en distintas localidades da provincia de Pontevedra, que tratarán un amplo abano de temas, dende a ordenación do territorio ao protocolo, a crise económica ou a universidade do futuro.
Concretamente en Vigo realizaranse tres deles, dous a maiores deste, A xestión do protocolo en tempos de crise: protocolo gobernamental, local e empresarial e Xestión de residuos sólidos urbanos, que se celebrarán do 24 ao 26 de xuño e do 14 ao 17 de xullo, respectivamente. Pontevedra acollerá un seminario sobre A guerra da independencia en Galicia: derrota e vitoria (1808-1809), do 21 ao 23 de setembro; e o resto repártese entre Lalín, Sanxenxo, Vilagarcía e o mosteiro de Aciveiro en Forcarei.

Máis información