DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polo profesor Vicente Novegil

Un curso ensina aos docentes a implementar un e-portfolio no proceso de aprendizaxe

As clases desenvolveranse ao longo deste mes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 05/05/2008

Co obxectivo de ensinar aos docentes a deseñar e utilizar un e-portfolio no proceso de aprendizaxe dos seus alumnos, a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza dende este martes un curso no campus de Vigo.
“Os contidos son moi amplos e abarcan unha parte técnica e outra metodolóxica e pedagóxica”, tal como afirma Vicente Novegil, profesor de Departamento de Estatística e encargado de impartir a docencia, que puntualiza que “a miña intención é amosar a utilidade do e-portfolio para avaliar e titorizar ao alumno de forma integral ao ter en conta a traxectoria do seu proceso de aprendizaxe”. Así, a primeira parte do curso céntrase en dotar aos docentes dos coñecementos técnicos necesarios para crear o seu propio portfolio, mentres que nun segundo módulo trata aspectos como o establecemento das competencias que o estudante debe acadar, a creación de rúbricas e as evidencias a desenvolver polo alumno.
As clases, que empezan este martes, desenvolveranse ao longo do mes de maio en horario de 16.00 a 18.00 horas.

O e-portfolio

“O e-portfolio é unha ferramenta que dende hai tempo se utiliza no mundo da empresa e da arte para presentar o traballo e os méritos dunha persoa, pero que, coas novas tecnoloxías, se está incorporando ao proceso de ensino e aprendizaxe”, segundo explica Novegil, que engade que “no mundo da docencia, o e-portfolio adquire dous matices a maiores, que son a reflexión e a retroalimentación”.
O primeiro paso para a creación dun portfolio dixital é o establecemento por parte do docente dunhas de pautas de valoración do traballo, así como das competencias que o alumno debe acadar ao longo do período de estudo. Con esta guía, o estudante ten que iniciar a aprendizaxe e recoller evidencias que amosen este proceso, incluíndo reflexións sobre a medida en que alcanza os obxectivos establecidos. Por último, o docente leva a cabo a avaliación das evidencias e do seu grao de elaboración para marcar unha puntuación e ofrecer un feedback ao alumno, no sentido de orientalo.
Todo isto fai que unha das características máis destacables do e-portfolio sexa a súa “capacidade para recoller a traxectoria de traballo do alumno e permitir que o profesor a teña en conta, ademais de lograr unha maior implicación por parte do estudante”, tal como afirma Novegil, que subliña que “isto é precisamente o que require o Espazo Europeo de Educación Superior”.