DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No campus de Ourense do 13 ao 27 de marzo

Un curso ensinará ao profesorado a elaborar guías docentes adaptadas aos créditos ECTS

A inscrición realizarase de xeito virtual na plataforma Bubela ata o 12 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 16/02/2009

Unha das novidades que trae consigo o Espazo Europeo de Educación Superior son os créditos ECTS. Esta unidade de medida cuantificará as horas de traballo do estudante para ter éxito nunha materia, incluíndo as horas efectivas de clase, o tempo dedicado á elaboración de traballos e prácticas, á asistencia a actividades académicas complementarias e á preparación do exame final. Esta modificación respecto á situación actual non só supón un cambio para o alumnado senón tamén para os profesores, xa que a partir de agora terán que adaptar a elaboración das súas guías docentes ao Sistema de Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS). Co obxectivo de preparar ao profesorado nesta nova tarefa a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa oferta no campus de Ourense un Obradoiro para a elaboración de guías docentes de carácter semipresencial.
O curso de formación que será impartido por Carmen Ricoy, profesora da Universidade de Vigo e por Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación xa abriu o prazo de inscrición que pechará o 12 de marzo ás 12.00 horas. Segundo comentou Suárez o obxectivo do curso é “preparar aos profesores para que poida facer xa os materiais de orientación para a docencia conforme ao novo sistema”. Este sistema supón un cambio na estrutura xeral da programación, prestando especial atención á definición das competencias, ao cronograma das horas de aprendizaxe dos estudantes e á metodoloxía e aos sistemas de avaliación. A elaboración destas guías docentes “supón un cambio cualitativo importante que require o esforzo do profesorado”, concluíu Suárez.

Programación do curso

O obradoiro desenvolverase os días 13 de marzo e 27 de marzo en sesións presenciais de 11.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Do 14 ao 23 de marzo realizarase o traballo autónomo de cada participante de xeito titorizado. O curso divídese en tres apartados, o primeiro será o obradoiro presencial titulado Como elaborar guías docentes, unha sesión de catro horas fundamentalmente práctica que ten como obxectivo que os asistentes adquiran as competencias básicas para o deseño das guías. Os contidos desta primeira xornada afondarán no concepto do crédito europeo, a súa equivalencia e o cálculo por materias; a definición de obxectivos en termos de competencias e o novo concepto do traballo dos estudantes, aprendendo a organizar a materia a partir do esforzo que ten que realizar o alumno.
O segundo bloque corresponde ao obradoiro virtual Deseñando e revisando as guías, cunha duración de 12 horas, esta sesión farase en dúas partes. Na primeira fase, de oito horas aproximadamente, o profesor deseñará a guía docente dunha das súas materias, que enviará ás responsables do obradoiro por correo electrónico para que estas a revisen e comenten. A segunda fase conta cunha duración de catro horas e nela os participantes terán que repasar as súas guías, elaborando unha nova proposta sólida e axeitada.
O terceiro e último apartado, Puntos críticos no deseño das guías, ten carácter presencial e unha duración de catro horas. Tal e como indica o nome da sesión o obxectivo deste día será analizar os puntos fortes e débiles que os asistentes perciben tanto no deseño como na posta en práctica das guías ECTS, “será unha xornada para o debate”, indicou Suárez.