DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa ferramenta Hot Potatoes, que lles permitirá crear exercicios interactivos na rede

Un curso ensinará aos docentes as vantaxes de utilizar as novas tecnoloxías no ensino

O seminario desenvolverase en xuño impartido pola profesora María Victoria Fernández

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 11/05/2010

Hot Potatoes é unha ferramenta que permite crear exercicios interactivos e publicalos na rede. Este programa ofrece grandes vantaxes a colectivos como o do profesorado xa que lles permite aos seus alumnos e alumnas utilizalo a través de Internet para facer unha autoavaliación sobre os contidos da materia, entre outras utilidades. Os docentes das distintas áreas do campus teñen agora a posibilidade de aprender a utilizar esta ferramenta nun curso de formación do profesorado que se desenvolverá durante os días 16 a 23 de xuño impartido pola profesora María Victoria Fernández. O prazo de matrícula para participar nesta actividade remata o día 14 de xuño.
Explica a docente que as novas tecnoloxías ofrécenlle ao profesorado “moitas posibilidades das que careciamos ata fai non moito tempo” e defende a súa utilización “sempre que o seu uso estea ben fundamentado e nos faciliten e melloren o noso traballo na aula”. Nesta contorna sitúase a ferramenta Hot Potatoes que lles vai permitir aos docentes que asistan ao curso aprender a confeccionar diferentes tipos de exercicios interactivos como por exemplo encrucillados que se colgarían na rede coa posibilidade de engadirlles outros recursos como lecturas, imaxes, vídeo ou táboas. Desta maneira e segundo explica María Victoria Fernández “o estudante poderá acceder a eles dende calquera ordenador e sen necesidade de ter instalado o programa”.

Contido do curso

O curso comezará facendo un percorrido polas características básicas do programa Hot Potatoes para pasar, de seguido, a elaborar algúns exercicios e a crear unha páxina web. Os asistentes ao seminario aprenderán tamén a facer diferentes tipos de exercicios como os de selección múltiple, resposta curta ou os de emparellamentos e tamén a crear unidades didácticas. As clases rematarán coa publicación de todos estes contidos na web para poder lanzalos á rede e polos así a disposición dos seus estudantes.