DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inscrición e a matrícula para o 2022-2023 está aberta ata setembro

O Curso de especialista en ciberseguridade industrial, único en Galicia, conclúe a súa primeira edición

Responde ás demandas da Industria 4.0 que precisa profesionais con máis cualificación tecnolóxica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/07/2022

A primeira edición do Curso de especialista en ciberseguridade industrial clausurou este venres a súa primeira edición, unha estrea marcada pola boa acollida desta formación única en Galicia, que conseguiu cubrir todas as prazas. O edificio Miralles acolleu o acto de peche que contou coa participación do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e o director do curso, José Ignacio Armesto e con tres relatorios formativos da man de José Ramón Castro Silva, director xeral de Digital Industries de Siemens sobre os retos da industria na España 5.0; Juan Jesús Pardo Expósito, director técnico e de negocio de Tecdesoft, que falou sobre ciberseguridade industrial e skills e, para pechar, Antonio Fernandes, cybersecurity manager de Finsa, que se centrou no cibercrime e a industria.

Este curso, que se insire dentro da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente, naceu para tender pontes entre o perfil formativo industrial e o das tecnoloxías da información e as comunicacións nun contexto de dixitalización das plantas industriais, tratando de dar resposta ás necesidades do mercado laboral, que demanda para a Industria 4.0 profesionais cun maior nivel de cualificación tecnolóxica.

Na apertura do acto, o vicerreitor quixo agradecer a colaboración das empresas nesta iniciativa, xa que a docencia recae por unha banda en profesorado das escolas de Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e, por outra, e profesionais de compañías como Siemens, Muutech, Microsoft, Inprosec, Gadisa, Accenture, Nueva Pescanova ou Tecdesoft Automation. Míguez recalcou a importancia de que o tecido empresarial achegue á Universidade coñecemento e experiencia de primeira man, algo imprescindible en formacións especializadas coma esta. Pola súa banda, Castro Silva, director xeral de Digital Industries de Siemens, felicitou os 30 estudantes que hoxe rematan o curso e lembroulles que “tedes por diante un futuro laboral moi potente e oportunidades que, ata o momento, non virades. Sodes os pioneiros, nunhas circunstancias especiais marcadas pola covid, e agora tedes a misión de seguir abrindo o camiño para que o resto vos siga. Non vos esquezades de que estades facendo historia”, concluía.

Balance positivo da primeira edición

O coordinador do curso, José Ignacio Armesto, fai un balance “moi positivo” desta primeira edición, “cuxas probas de avaliación e presentación dos traballos de fin de curso estanse a desenvolver entre esta semana e a próxima”. O feito de ter cuberto todas prazas que se ofertaban é consecuencia, destaca, de que en Galicia non existía ningunha formación específica no eido da ciberseguridade na contorna industrial, a pesar de que o informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG sinala este sector como un dos nichos laborais de futuro.

Tamén o alumnado amosou a súa satisfacción coa formación adquirida e, en nome dos 30 estudantes que forman esta primeira promoción, interveu no acto Pablo Casal, traballador da Digamel. Recoñecía que foron sete meses “durísimos compaxinando o traballo diario, as clases semanais, as prácticas, o proxecto final e a vida familiar” pero “todas e cada unha das horas invertidas neste curso mereceron a pena. Levámonos uns coñecementos e unhas experiencias que poderemos aplicar nas nosas empresas e suporán un distintivo no noso currículo”.

Dar resposta a unha necesidade do tecido empresarial

O curso está orientado a actualizar os coñecementos dos profesionais do eido industrial e tamén formar novos especialistas. E é que un tecido industrial cada vez máis conectado, tanto horizontal como verticalmente, precisa de profesionais que poidan facer fronte aos novos riscos e vulnerabilidades e adoptar as medidas de protección necesarias para evitar ciberataques, perdas na propiedade industrial das compañías ou mesmo a paralización da produción. 

A docencia, totalmente virtual a través e Campus Remoto, centrouse en achegar ao alumnado coñecementos e competencias relacionados co coñecemento da falta de ciberseguridade nas contornas industriais e os enormes riscos que iso implica; cos principais organismos xeradores de boas prácticas e normativas de aplicación nas distintas contornas industriais; saberán como aplicar a ciberseguridade nos distintos niveis das fábricas, utilizando as últimas tecnoloxías habilitadoras da industria 4.0; terán capacidade para deseñar e despregar arquitecturas de control industrial de forma cibersegura e axudar a mitigar os riscos asociados á implantación de novas tecnoloxías na industria; e serán quen de seleccionar, configurar e xestionar diversas tecnoloxías comerciais de vangarda na industria no ámbito das comunicacións, virtualización de equipos, monitoraxe de infraestruturas, firewalls de nova xeración, detección de intrusións, xestión de eventos e información de seguridade. 

Perfil do alumnado, profesionais galego do eido da enxeñaría

Na primeira edición do curso matriculáronse 30 persoas, cubrindo todas as prazas ofertadas no curso. Boa parte do alumnado (27) son profesionais de empresas como Cablerías Group, Maviva, Coren, VW Navarra, Digamel, Amara, Ceamsa, Endesa e Iturcemi e, atendendo á procedencia, 22 eran galegos e o resto doutras partes de España e de Latinoamérica con titulacións de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais ou ciclos superiores. 

Novidades para próxima edición

A principal novidade de cara ao próximo curso é que a docencia se desenvolverá entre setembro e xuño a razón de 10 horas de docencia síncrona por semana. “Este ano foi entre xaneiro e xuño con 15 horas por semana” e isto resultou demasiado complicado organizativamente para o alumnado, recoñece Armesto. Ademais, Feuga tamén ofrece unha bolsa que financia case na súa totalidade o prezo de matrícula para a persoa seleccionada.

A inscrición para o curso 2022-2023 está aberta ata o 10 de setembro e a matrícula ata o 15 do mesmo mes.