DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres na Facultade de Ciencias da Educación

Un curso fomenta o intercambio de experiencias piloto e a análise do proceso de adaptación ao EEES

A xornada pechouse afondando nos sistemas de garantía da calidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 06/03/2009

Hai catro anos que a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense comezou a establecer proxectos piloto de adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), tanto na parte didáctica, como na implantación dos créditos ECTS, para analizar posteriormente as experiencias e os resultados obtidos. Precisamente co obxectivo de dar a coñecer o estado do proceso en Galicia e, en concreto, na Universidade de Vigo, así como para saber o que se fai noutras universidades, a Facultade de Ciencias da Educación xunto coa Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) organizou o Curso de Intercambio de Experiencias realizadas no marco da adaptación ao EEES.
“Estas xornadas sérvennos para coñecer experiencias negativas e positivas e para realizar os axustes precisos para mellorar”, explicou Xosé Manuel Cid, vicedecano da facultade e coordinador do curso. No ano próximo á hora de implantar os graos, “nós temos moito traballo adiantado grazas á experiencia que levamos acumulada nestes anos cos proxectos piloto”.
En verbas de Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, este curso é unha iniciativa moi interesante, “xa que serviu para que falaran expertos sobre aspectos de actualidade e tamén para amosar as experiencias innovadoras e o traballo que se está a facer dentro da propia facultade para adaptarse ao EEES”.
Este novo proceso no que se atopa inmersa a universidade suporá un traballo a maiores por parte de todos, sen embargo “tamén proporcionará beneficios extra sempre co obxectivo de mellorar a nosa calidade académica”.

Adaptación ao EEES

A xornada, que tivo lugar no salón de graos do Edificio de Ferro, comezou cunha experiencia piloto que realizou o docente Juan Luis Rodríguez na titulación de Psicopedagoxía. A súa análise consistiu nunha avaliación sobre a utilidade que lle outorgaban os alumnos ao aprendido durante a carreira e a consideración de se adquiriran neste proceso educativo as competencias profesionais que posteriormente empregaron no período de prácticas. A continuación, Inmaculada Prieto, directora da Área de Adaptación ao EEES da Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea, fixo un repaso ao proceso de adaptación ao EEES e á implantación das novas titulacións.
No remate da xornada, Julio Abalde, director da ACSUG, falou dos mecanismos que garanten a calidade na nova estruturación das titulacións. Segundo Abalde, dentro do EEES un dos piares básicos é “a creación dos sistemas de garantía da calidade, un recoñecemento de que a oferta académica cumpre os requisitos precisos para ser recoñecida por todos os estados membros”. As propias universidades serán as responsables de garantir esa calidade, establecendo dentro do seu funcionamento unha cultura que permita a mellora continua, a innovación e a avaliación dos procesos académicos. Co obxectivo de que se cumpran estes requisitos de calidade a ACSUG ideou o programa Fides Audit que supón “unha rigorosa compilación de evidencias, seguimento e control da oferta académica”, de xeito que no caso de producirse desviacións nos obxectivos iniciais planeados ao programar a titulación, estes poidan ser corrixidos.
En opinión de Membiela, “este sistema de garantía da calidade servirá para analizar a situación da oferta de titulacións sempre coa finalidade de mellorar, pero a súa eficacia comprobarase na medida de que sirva para este fin”.